Estafad@s coas preferentes obrigan a suspender outros tres plenos municipais

[Imaxe de arquivo: SG]

As distintas plataformas non afrouxan nas protestas contra a quita, que na Galiza supón un roubo de máis de 400 millóns de euros

As protestas de estafad@s por Novagalicia Banco coa comercialización de participacións preferentes e subordinadas voltaron obrigar, esta segunda feira, á suspensión de varios plenos municipais, desta volta en Salvaterra, As Neves e Gondomar. 

Nos tres casos reclamaron que os gobernos locais se comprometan na procura dunha solución para que lles devolvan integramente os seus aforros, após coñecerse esta fin de semana que se lles aplicará unha quita do 43%.

O grupo máis numeroso de manifestantes foi o que se presentou no Concello de Salvaterra por volta das dez da mañá, hora á que estaba convocado o pleno. Concelleir@s de BNG e PSOE fixeron o xesto simbólico de se ergueren dos seus asentos e sentar canda @s estafad@s, namentres o alcalde, Arturo Grandal (PP) e a súa equipa de goberno abandonaron a casa consistorial polo garaxe. 

As distintas plataformas de afectad@s anunciaron xa que non van afrouxar na intensidade das protestas contra o que supón na Galiza un roubo de máis de 400 millóns de euros: @s 45 mil afectad@s de Novagalicia Banco investiran mil millóns neste produto financeiro. A cifra total de persoas que no noso País perderon cartos nesta estafa ascende a case 100 mil.