O Estado tramita a solicitude de Asturies para oficializar o nome de 'Ría del Eo' no canto de Ribadeo

Ría de Ribadeo (Foto: Europa Press)

Ábrese agora un proceso administrativo para determinar a denominación oficial da Ría de Ribadeo.

O Instituto Xeográfico do Estado español comezou a tramitar a solicitude do Principado de Asturies para que se oficialice o nome de 'Ría del Eo'. Nestes momentos, o Estado asturiano usa o topónimo de Ría de Ribadeo para referirse ao estuario que marca a fronteira administrativa entre Asturies e a Galiza.

A oficialización de topónimos que afecten a máis dunha comunidade é competencia deste organismo estatal, que xa recibiu o informe que preparou a Dirección Xeneral de Política Llingüística do Principado de Asturies sobre o uso histórico da denominación 'Ría del Eo'.

Neste informe, segundo indica o Executivo asturiano, están recolleitos datos que mostrarían o uso de 'Ría del Eo' en textos administrativos e lexislativos, institucionais, xornalísticos, literarios ou cartográficos. Ábrese agora un proceso administrativo para determinar a denominación oficial da ría que fai de fronteira administrativa entre Asturies e a Galiza.

O BNG pide na Cámara galega que se recoñeza o dereito do Bierzo a converterse en provincia

Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego pediu na Cámara galega instar á Xunta a recoñecer o dereito do Bierzo a converterse nunha provincia, na que as e os veciños poidan decidir o seu encaixe territorial a través dunha consulta popular.

A proposición non de lei foi defendida pola deputada nacionalista María González Albert e pide tamén que, no caso de que a vontade libre da sociedade do Bierzo opte por incorporarse á Galiza, o Goberno galego adopte as medidas legais necesarias co fin de verificar no plano institucional esa aspiración.

A parlamentaria do Bloque lembrou que, con motivo da celebración este ano dos 200 anos da creación e posterior perdida da Provincia do Bierzo e o trixésimo aniversario do Consello Comarcal do Bierzo, o partido de Coalición polo Bierzo empezou unha campaña para abrir un debate sobre a identidade desta zona e o seu encaixe.

"Un debate máis vivo que nunca" que, segundo indicou, maniféstase en tres solucións: "A posibilidade de crear unha provincia dentro de Castela e León, unha nova comunidade autónoma de León que incluíse o Bierzo ou a inclusión dunha provincia do Bierzo dentro da Galicia", sinalou para asegurar que o obxectivo desta iniciativa é que a Galiza "non quede allea" ao debate que se dá na "comarca veciña".

"En resumo, trátase de recoñecer que o Bierzo existe e que o que ten que dicir sexa escoitado tamén no noso país", manifestou nunha intervención na que destacou os vínculos desta zona con comarcas galegas como a de Valdeorras.

Tanto o PP como o PSdeG xa avanzaron a súa postura en contra polo que previsibelmente a proposta non sairá adiante.