O Estado é titular de 1.756 vivendas baleiras listas para habitar na Galiza

Sanxenxo é o municipio galego con máis vivendas de uso turístico. (Foto: Europa Press)
O aceso á vivenda é un luxo para moitos galegos. Mentres incrementa o prezo da vivenda en aluguer ou propiedade nuns niveis superiores á media do Estado, a Galiza conta con máis de 330.000 inmóbeis baleiros para un parque de 1,6 millóns de vivendas. 1.756 deles son propiedade do Estado.

A vivenda tense convertido nun dos principais problemas para boa parte da poboación galega. Os datos fornecidos pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegeim) sinalan que 38% das familias galegas destinan de media ao pagamento dos alugueres máis de 25%  dos seus ingresos e, delas, 18% déixanse no arrendamento a metade dos mesmos.

Unha situación análoga acontece coa renda dedicada á compra da primeira vivenda, que segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) representa 39% dos ingresos de 46% das familias e máis da metade de 27% delas.

A suba do aluguer

A alza do mercado do aluguer non dá tregua nos últimos cinco anos. A este respecto o Observatorio da Vivenda da Galiza do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta da Galiza avanza que entre xaneiro de 2017 e xaneiro de 2022 o prezo do aluguer ten aumentado no conxunto do país en 16,2%. Pola súa parte, para estes últimos cinco anos o portal inmobiliario Fotocasa rexistra unha alza de 20,4%. Porén, os incrementos son moito máis elevados nas sete cidades e nas súas áreas metropolitanas así como naquelas zonas  máis turísticas. Así, por exemplo, Lugo é a cidade do Estado onde máis ten subido o prezo do aluguer desde 2017 cun medre de 26%, rexistrándose unha suba na Coruña de 22,6% e en Vigo de 21,2%.

A vivenda en propiedade

O custo da vivenda en propiedade ten medrado nos últimos cinco anos na Galiza por riba da media do Estado. Neste sentido, a principal sociedade estatal de taxación, Tinsa, sinala que en 2021 o prezo subiu en 10,3%, só rexistrado cifras máis elevadas Euskadi, con 14,3%; Illes Balears, con 12,2%; e Madrid, con 11,3%. Neste sentido, indica que Lugo é a provincia do Estado español con maior aumento no valor dos seus inmóbeis, até sumar nese exercicio unha alza de 19,1%. Asemade, a mesma entidade certifica para o primeiro trimestre do ano 2022 un crecemento de 4,1%, adiantando unha tendencia alcista para esta nova anualidade.

300.000 vivendas baleiras

O incremento das vivendas de uso turístico está introducindo unha importante tensión no mercado inmobiliario. Tanto é así que, naquelas localidades máis turísticas, o aluguer limítase con cada vez máis frecuencia ao período estival, até o punto de que atopar unha residencia para todo o ano xa é practicamente imposíbel en moitos concellos da costa galega, nomeadamente do Salnés, A Mariña ou O Barbanza. Neste sentido, os rexistros da Xunta indican que en maio de 2017 a Galiza dispuña de 542 vivendas turísticas, chegando cinco anos máis tarde a 14.068, denunciando a propia Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin) que 1.200 familias "viábeis e solventes economicamente" están en "lista de agrada" para conseguir un alugueiro de todo un ano.

A suba dos prezos da vivenda e a ausencia de vivendas para alugar contrasta co elevado número de inmóbeis baleiros. Segundo un informe elaborado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, a Galiza é o territorio do Estado coa maior porcentaxe de casas e pisos desocupados, até sumar 330.000 inmóbeis baleiros para un parque de 1,6 millóns de vivendas rexistradas, o que significa 20,6% do parque total e cinco puntos por riba da media estatal, de 13,7%. A porcentaxe máis elevada de vivendas desocupadas concéntrase nos núcleos de poboación de menos de 20.000 habitantes, coas comarcas coruñesas acumulando 125.000 vivendas baleiras, as da demarcación provincial de Pontevedra 85.000, as de Ourense 65.000 e as de Lugo 55.000.

As cifras da Sareb

A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), cuxa titularidade corresponde ao Goberno do Estado, é propietaria de 1.756 vivendas baleiras que están listas para habitar na Galiza.

A entidade pública conta ademais con outras 1.727 vivendas actualmente en execución, 489 baixos comerciais, 1.884 garaxes e 2.678 solos, cuxa metade son de natureza urbana e, por conseguinte, útiles para súa transformación nun uso residencial.

O banco malo

A  Sareb, popularmente coñecida como 'banco malo', foi un instrumento chave para o rescate da banca con diñeiro público após a crise de 2008, impulsado polo ministro de Economía de Mariano Raxoi, Luis de Guindos, conforme as directrices da UE. Actualmente a Sareb é titular de miles de vivendas procedentes dese rescate pagado pola cidadanía.