O Estado licita o agardado dragado da ría do Burgo

Visita de Ana Miranda, representante do BNG en Europa, á ría. (Foto: Europa Press)

As obras para sanear o estuario da comarca coruñesa contan cun orzamento de 48,5 millóns de euros. A Xunta xa suspendeu a actividade na zona hai algunhas semanas.


 

O Goberno do Estado español vén de sacar a concurso o dragado da ría do Burgo, unha obra demandada por anos tanto polos concellos da comarca coruñesa como polo sector do marisqueo e a sociedade civil. Segundo transcendeu, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) as actuacións de saneamento contarán cun orzamento de 48,5 millóns de euros.

Os traballos, con bastante recorrido e actuacións técnicas de certa complexidade, servirán para retirar os lodos que veñen reducindo a produtividade marisqueira do estuario e diminuíndo a calidade das augas desde hai anos.

Estes afectarán a catro concellos, pois o espazo natural é compartido pola Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros. No total, extraeran 583.000 metros cúbicos da zona interior do Burgo, na que xa non hai actividade desde a suspensión por parte da Xunta hai unhas semanas.

O Ministerio informou de que arredor da metade dos lodos serán “trasladados baixo estrito control ambiental ao punto de vertedura”. O resto, curiosamente, serán aproveitados para crear espazos verdes e paseos nas dúas marxes da ría.

Unha vez se adxudiquen as tarefas, que mesmo foron ordenadas pola Comisión Europea, prepararase todo para que a presenza da maquinaria pesada e as e os operarios non afecten aos hábitats da zona, como as marismas de Culleredo.

O Estado comprométese a que haxa un seguimento das obras e os resultados durante dez anos. Mais ao principio xa se retirarán as especies marisqueiras até que rematen os traballos.

A flora acuática será transplantada, agás as especies invasoras, que serán eliminadas.