O Estado indemnizará con 11.640 euros a un recluso agredido en Teixeiro por outro preso

Cárcere de Teixeiro.
O cárcere de Teixeiro segue no foco polas diferentes denuncias respecto do trato os presos. Esta terza feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza informou dunha condena ao Estado como responsábel civil polas consecuencias dunha agresión a un recluso por parte doutro no ano 2016. Ademais, estaba previsto que a Audiencia Provincial da Coruña retome o xuízo contra seis funcionarios da prisión e un preso por un incidente en maio de 2012.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou á Dirección Xeral de Institucións Penais como responsábel civil ao pagamento dunha indemnización de 11.640 euros a un recluso que foi agredido por outro preso no cárcere de Teixeiro en 2016. Os xuíces conclúen que a agresión se produciu "pola omisión das medidas adecuadas" que o agresor "merecía". 

Segundo informou o TSXG, na resolución de primeira instancia o sospeitoso foi castigado con tres anos de cárcere por propinar unha "fortísima puñada" na cara ao seu compañeiro. Nese momento, a Audiencia Provincial da Coruña absolveu a Dirección Xeral de Institucións Penais de responder subsidiariamente.

Agora, o TSXG considera que o acusado, no momento dos feitos, presentaba un "trastorno explosivo intermitente da personalidade" e un "trastorno con alteración mixta das emocións e do comportamento" que deberan ter sido debidamente detectados “polos servizos penais correspondentes". Ante estes feitos, o alto tribunal galego considera que a Administración "si quebrantou os especiais deberes impostos pola normativa" ao non determinar un "maior illamento" ou establecer "unhas medidas de seguridade" oportunas.

O caso de 2012

No caso de 2012, a Fiscalía sostén que que tres funcionarios conduciron ao preso, após un incidente no comedor, ao despacho do educador, onde supostamente lle propinaron unha malleira con "puñadas e patadas no abdome". Por estes feitos, Fiscalía pide para cada un dos funcionarios unha pena de catro anos e tres meses de cárcere por delitos de lesións.

Así mesmo, a petición de prisión para o recluso é de tres anos por un delito de atentado e lesións coa agravante de reincidencia en relación ás lesións causadas nunha man a un dos funcionarios polas patadas que, presuntamente, lle propinou.

Mentres que o avogado do interno denuncia que outros tres funcionarios participaron nos golpes que, de acordo co testemuño do preso, recibiu un día despois. Na sesión da pasada quinta feira, o día 3, todos os funcionarios negaron as agresións.