O Estado español recoñece que o 17% d@s galeg@s vive por baixo da taxa de pobreza

O informe do INE recolle que case dous de cada dez fogares do noso país non dan chegado a final de mes e que case o 40% das familias non teñen capacidade para facer fronte a un gasto imprevisto.

De cada dez galegos, 17 viven en risco de pobreza. O propio Estado español recoñece os dados que desde que comezou a crise veñen dando sindicatos, ONGs ou entidades sobre a fenda de pobreza na sociedade. Faino mediante o Instituto Nacional de Estatística (INE), organismo autónomo mais adscrito ao Ministerio de Economía.

O 72,3 % dos fogares de Galiza recoñecen algunha dificultade para chegar a final de mes

No seu informe sobre as condicións de vida das familias no estado español, o INE indica que o 17,2% dos e das galegas viven en risco de pobreza. Considérase nesa situación os fogares cun ingreso medio inferior a 10.100 euros anuais. Unha situación que é mellor que a que media do Estado (20,4%).

Neste mesmo estudo, que foi presentado esta terza feira en Madrid, indícase que o 38,5% das familias galegas non teñen capacidade para facer fronte a un gasto imprevisto, por cativo que este sexa. Un indicador da situación límite da economía familiar en moitos fogares.

Aliás, o 16,6% dos fogares de Galiza din que chegan a final de mes con 'moita dificultade', un 20,6 por cento con 'dificultade' e un 34,6 % 'con certa dificultade'. Xa que logo, o 72,3 por cento dos fogares de Galiza recoñecen que chegar a final de mes cústalles.