Son xa 450 as mortes rexistradas por coronavirus

Unha sanitaria sostén unha bolsa cunha mostra para realizar unha análise PCR (Imaxe: Europa Press)
Galiza rexistra 450 mortes pola COVID-19 desde que iniciou a pandemia. Nas últimas 24 horas rexistráronse 58 novos contaxios. 
 

Galiza contabiliza 450 falecementos por coronavirus, logo de que se produciran nas últimas horas seis novas mortes que se suman ás 444 notificadas polo Sergas na mañá deste domingo, 19 de abril. 

Son 6.205 os casos positivos en coronavirus na Galiza segundo o último informe diario do Sergas, remitido este domingo 19 de abril. Así, rexistráronse 58 positivos máis que no sábado, o que implica un crecemento de 0,94%.

Ao mesmo tempo, tamén aumenta o número de altas, ate as 1.536, ao curárense 29 persoas nas últimas 24 horas.

Após esta última actualización de Sanidade, contabilizando as catro mortes que se suman ao dato inicial das 444 fornecido polo Sergas na mañá deste domingo, o número de falecementos rexistrados en hospitais elévase a 350: 105 na área sanitaria da Coruña, 69 na área de Vigo, 67 na de Ourense, 51 mortes na área sanitaria de Santiago, 22 na área de Ferrol, 22 na de Lugo e 14 na de Pontevedra.

A maioría das persoas contaxiadas rexistradas están a recibir asistencia domiciliaria por parte do Servizo Galego de Saúde, en total son 5.497 as pacientes que se atopan nesta situación; mentres que 596 permanecen en unidades de hospitalización e 112 na UCI, tres menos que onte.

Na Galiza realizáronse un total de 63.715 probas PCR desde o comezo da pandemia e segundo asegurou este domingo o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, só 12% deron un resultado positivo.

O Estado español contabiliza 410 novas mortes

20.453 persoas son as persoas que faleceron por coronavirus até o día de onte segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, o que supón un incremento de 410 mortes nas últimas 24 horas. Este domingo a cifra diaria de mortes descendeu considerabelmente respecto a onte, cando se rexistraron 565 falecementos. A de hoxe é a cifra máis baixa en case un mes, en concreto desde o 22 de marzo, cando se rexistraron 394 mortes. Os casos rexistrados de coronavirus ascenderon a 195.944, polo que nas últimas 24 horas contabilizáronse 4.218 casos positivos. No Estado español recuperáronse xa 77.357 pacientes, 2.695 máis que este sábado.