“O Estado debe traer a Galiza os presos independentistas galegos”

A eurodeputada Lidia Senra visitou na prisión de Mansilla (León) ao preso independentista Hadrián Mosquera, Senlheiro. 

Oito horas en coche para unha visita de 45 minutos. A eurodeputada Lidia Senra visitou esta sexta feira ao preso independentista Hadrián Mosquera, Senlheiro, encarcerado na cadea de Mansilla de las Mulas, en León, a case 400 quilómetros da súa casa, Compostela, onde moran familia e amigos.

 

Coa deste venres, Senra conclúe unha serie de viaxes que a levaron a visitar tamén, nos últimos meses e nas respectivas cadeas nas que estaban, a María Osorio –actualmente xa en liberdade-, Roberto Rodríguez Fialhega–preso no Centro Penitenciario de Dueñas, en Palencia-, Eduardo Vigo–preso no Centro Penitenciario de Ocaña I, en Toledo-, e Carlos Calvo Varela e Raúl Agulleiro –presos no Centro Penitenciario de Asturias-. 

 

 “Someter ás familias e amizades ao castigo da dispersión, co gasto e riscos que iso supón, é crueldade pura e é non respectar os dereitos humanos que temos todas as persoas, incluídas, por suposto, as presas”, defende Senra. “E non é unha cuestión que diga eu simplemente, senón que é unha cuestión que defende a UE. Por iso o Estado non debe demorar máis e debe traer para cárceres galegas aos presos galegos, igual que fixo xa ao trasladar a cárceres catalás aos presos políticos cataláns e igual que fixo xa tamén co achegamento á súa terra dos presos de Altsasu, por exemplo, e que debería facer con todos os presos e presas vascas. Non é un beneficio penitenciario, é un dereito que hai que cumprir si ou si”. 

 

Neste sentido, a eurodeputada recórdalle ao Goberno estatal que a finais do 2017, o pleno do Parlamento Europeo aprobou por unha amplísima maioría (474 votos a favor, 109 en contra e 34 abstencións), unha resolución na que se condenaba a política de dispersión penitenciaria.

 

O pasado maio, o Ministerio aseguroulle a Lídia Senra que naquela data o número de internos e internas que tiñan rexistrada provincia de residencia na Galiza e que non se encontran en centros penitenciarios galegos era de 260.