O Estado asumirá o custo da baixa por menstruación dolorosa: non exixirá tempo mínimo de cotización

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)
Nun primeiro momento, falarase de que esta baixa laboral tería unha duración de tres días, mais finalmente cada muller disporá dos días que precise.

Fontes do Goberno español confirmaron a Europa Press que a baixa por menstruación dolorosa estará no anteproxecto da lei do aborto que o Executivo de Pedro Sánchez ten previsto aprobar no Consello de Ministras e Ministros da vindeira terza feira.

As mesmas fontes indicaron que se tratará dunha incapacidade temporal asumida pola Seguridade Social desde o primeiro día, polo que non suporá ningún custo para as empresas.

Ademais, non esixirá, como si se fai con outras incapacidades temporais comúns, ningún tempo mínimo cotizado, nin se estabelecerá un número de días, senón que serán os que necesite cada muller.

Nun primeiro momento, falarase de que esta baixa laboral tería unha duración de tres días.

"Vangarda" dos dereitos da saúde e reprodutivos

A secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Ángela Rodríguez, explicou que esta medida situará o Estado español na "vangarda" dos dereitos de saúde e reprodutivos e reivindicou que o dereito laboral "non pode ser neutro ao xénero".

O Goberno español negociou até esta mesma semana as condicións da lei do aborto, segundo explicou esta cuarta feira o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá.

O ministro detallou que estaba a traballar coa homóloga de Igualdade, Irene Montero, para buscar un "equilibrio" e reforzar a "protección" da muller nestes casos

Ademais, pretenden facelo compatíbel con que non se vexa "entorpecida" a participación "plena" da muller no mercado de traballo.