A crise da Covid expulsa do mercado laboral galego máis de 7.000 mulleres

A precariedade e a temporalidade marcan a realidade das traballadoras galegas.
Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press).
photo_camera Unha muller traballa co seu ordenador nunha oficina (Foto: Ricardo Rubio/Europa Press).

A desigualdade entre homes e mulleres é unha realidade do mercado laboral galego que se viu acrecentada coa pandemia da Covid. Os empregos asociados aos coidados seguen a estar ocupados na súa maioría por mulleres, un colectivo que presenta unhas altas taxas de temporalidade e precariedade, ademais de ser as que máis pagaron a perda de empregos durante a crise.

Antes da pandemia era habitual que o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, houbese avances que celebrar en materia de igualdade entre homes e mulleres. Porén, a crise derivada da pandemia da Covid, lonxe de mellorar os indicadores laborais, agudizou a delicada situación pola que atravesan moitas mulleres no mercado de traballo. 

Nas últimas semanas, os sindicatos CIG, UXT e CCOO presentaron senllos informes sobre a situación do emprego feminino na Galiza e unha das principais conclusións ás que chegaron foi que a crise golpeou dobremente nas mulleres, que partían dunha situación máis precaria, o que facilitou en moitos dos casos que as empresas optasen por non renovar os seus contratos. 

Na práctica, isto tradúcese nunha maior perda de poboación activa e maior perda de ocupación. En concreto, respecto a 2019, no país hai 12.900 persoas en activo ─traballando ou na procura de emprego─ menos que hai dou anos, das cales 68,2% son mulleres; 10.100 persoas ocupadas menos, das cales 73,2% son mulleres; 18.500 persoas inactivas máis, das cales 60% son mulleres, e 2.800 persoas desempregadas máis, igual en homes que en mulleres.

A fenda dos coidados

Unha das consecuencias da crise foi o aumento do número de mulleres en labores do fogar polo que os sindicatos denominan a 'fenda dos coidados', que deixa en mans das mulleres o coidado de familiares e 

persoas dependentes. 

Así, 76,4% das reducións de xornada laboral por coidado legal de familiares na Galiza foron solicitadas por mulleres, que son tamén responsábeis de 74% das excedencias por coidado de familiares, dándose un claro desequilibrio con respecto aos homes.

Esta circunstancia engade máis dificultades ás mulleres galegas para recuperar os valores previos á pandemia no que a actividade e ocupación se refire, unha situación na que tamén influíu o fechamento de determinadas actividades, como o comercio ou a hostalaría, nos que as mulleres tiñan un maior protagonismo que os homes. 

Como indicaba a CIG no seu informe, a caída da ocupación foi tan forte en 2020 entre as mulleres que, a pesar de incrementarse moito máis que a masculina en 2021, segue a ser 1,4% inferior á de 2019. De feito, respecto dese ano, as mulleres representaron 73,4% do emprego que se perdeu na Galiza.

Contratos precarios

O problema, apuntan desde os sindicatos, é que os empregos que resisten están marcados por unha forte precariedade e unha escasa duración dos contratos. En 2021 asináronse 421.968 novos contratos a nome de mulleres dos que 94,8% foron temporais e 43% de menos de un mes de duración. 

Ademais, o pasado ano había na Galiza 112.100 mulleres con contrato a tempo parcial, fronte a 34.200 homes, o que representa 76% do total.

Neste sentido, desde CCOO e UXT cargan no seu informe conxunto contra o que cualifican de "segregación ocupacional", pois, segundo destacan, as mulleres galegas acaparan 56,5% da ocupación do sector servizos, porcentaxe que baixa a 38,6% na agricultura, gandaría, caza e silvicultura; a 28,2% na industria, a 22,2% en pesca e acuicultura e a 7,6% na construción.

Ademais, denuncian tamén que "persiste a segregación vertical", xa que tan só 32% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e só 2,5% da poboación ocupada feminina está nestes postos.

Comentarios