Así é a proposta gráfica de Pepe Barro para a Estación Intermodal Castelao de Compostela
Coincidindo co Ano Castelao que está a piques de comezar, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, presentou esta terza feira a proposta gráfica de Pepe Barro arredor da figura de Castelao, para a nova denominación da estación de autobuses e trens de Compostela.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou esta terza feira en rolda de prensa, xunto ao deseñador Pepe Barro, a proposta de identidade gráfica arredor da figura de Castelao, para a nova denominación da Estación Intermodal de Santiago de Compostela en homenaxe ao polifacético artista e político galego.
Goretti Sanmartín recordou que esta proposta xa foi debatida e aprobada por unanimidade no Pleno municipal de xaneiro do 2019, “o que dá conta da importancia de Castelao para o conxunto do país e para Santiago de Compostela en particular, como capital da Galiza”. Para a alcaldesa, o obxectivo é celebrar e dar a coñecer ás persoas visitantes o seu legado como artista, debuxante, escritor, defensor da nosa lingua e dos nosos dereitos políticos, e primeiro presidente do Consello da Galiza, así como un “referente a nivel internacional do que significa o pobo galego”, do mesmo xeito que acontece coa figura de Rosalía de Castro, coa que se renomeu o aeroporto da cidade no ano 2020.
A rexedora explicou que alén desta “denominación Castelao” que xa lle fora transmitida tanto ao Estado como a ADIF no momento do acordo plenario, “nós queremos que non sexa só unha denominación, senón que vaia acompañada dunha proposta de identidade gráfica singular que inclúa unha serie de motivos e elementos no espazo da estación intermodal”. A intención do Goberno municipal é que o Estado se faga cargo desta proposta “que non só vai avalada polo conxunto das forzas que conforman a Corporación, senón tamén pola idoneidade do momento, xa que coincide en tempo co Ano Castelao que estamos a piques de comezar”.
Ao respecto do creador da proposta e Premio da Cultura Galega 2024, Pepe Barro, a alcaldesa subliñou o seu sobresaínte currículo e a súa traxectoria “de décadas” como referente do deseño contemporáneo, e puxo en valor os seus proxectos precedentes e o seu dominio coa “simboloxía e con aqueles elementos graficos que nos caracterizan como pobo e como país”.
Proposta gráfica
O proxecto presentado polo deseñador Pepe Barro está composto por varias liñas gráficas: un logotipo con tipografía de fasquía art-decó, que conecta coa época de esplendor de Castelao, e que remite á letra Galega, deseñada polo propio artista; un rótulo coa palabra CASTELAO, que estaría situado en varias localizacións a modo de 'landmarck'; as siluetas retalladas da autocaricatura de Castelao e doutros personaxes dos seus debuxos con cartelas explicativas en varios puntos da estación, así como un pequeno centro de interpretación na que se abordaría a figura de Castelao desde catro perspectivas: humorista, escritor, a súa vida e a súa actividade política.
Podes consultar nesta ligazón a proposta completa.