A Estación Espacial Internacional pasa esta noite sobre Galiza

Será visíbel ás 22:49 horas como un punto branco que atravesa o ceo a gran velocidade. Ignazio Magnani, un dos tripulantes deste laboratorio espacial, anunciaba a través da súa conta de twitter o paso da ISS sobre o noso país.

Estación Espacial Internacional (ISS) pasará ás 22:49 horas deste sábado, 3 de agosto, sobre Galiza. “A ISS aparece como un pequeno punto branco que se move polo ceo a grande velocidade, xa que esta nave orbita arredor da Terra a uns 400 quilómetros de altura, a unha velocidade de 28.000 quilómetros por hora (preto de 8 km/s)”, explican en GCCiencia.

O portal de divulgación lembra que a tripulación do maior laboratorio orbital construido polo ser humano está formada por seis astronautas, cinco homes e unha muller. Un deles, Ignazio Magnani, anunciaba a través da súa conta de twitter o paso da ISS sobre o noso país.

Non é a primeira vez que a Estación cruza o ceo galego mais sempre, se a visibilidade o permite, é un espectáculo.  A mellor visión, desde terreos elevados e afastados da contaminación lumínica.