Estabilizan o lume das Ons e extinguen outros oito incendios no sur da Galiza

Imaxe do lume declarado onte en Ons. (Foto: Cedida pola veciñanza / Europa Press)
Para controlar o foco no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas foi necesario o traballo de cinco axentes, 13 brigadas e unha motobomba. No caso das comarcas do interior, as precipitacións axudaron ao traballo de apagado.

O lume que se declarou onte á tarde na Illa de Ons, en Bueu, debido a un raio permanece estábel desde a medianoite. A Consellaría de Medio Rural informou de que a superficie queimada foi de catro hectáreas. Así mesmo, as forzas de seguridade e contraincendios foron quen de extinguir oito lumes que permanecían activos desde había días no sur do país.

O último parte da situación facilitado pola Xunta, indica que os medios desprazados até a illa pertencente ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas puideron dar por controladas as lapas ás 00.12 horas.

Até o lugar acudiron cinco axentes, 13 brigadas e unha motobomba.

Por outra banda, os fogos que afectaban a varios municipios do interior do país quedaron extinguidos coa axuda das choivas. En concreto, apagáronse oito frontes que seguían activas nos concellos de Chandrexa de Queixa, os tres lumes de Manzaneda, Lobios, Montederramo, Vilar de Barrio e Muíños.

A primeira hora da noite

Desde o Goberno galego especificaron que o incendio que queimou 550 hectareas (30 de arborado e 520 de monte raso) no lugar de Rebordechau, en Vilar de Barri,o quedou apagado ás 22.19 horas.

Minutos antes dábase por concluído o lume que se orixinou o sábado na zona de Río Caldo, en Lobios, e que danou 200 hectáreas de árbores e 1.800 de monte raso no Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés.

As brigadas sufocaron xa abeirando ás 22 horas outro lume no Xurés que traspasou a fronteira desde portugal. Este arrasou con 250 hectáreas na  parroquia de Prado de Limia.

Ademais, foi extinguido ás 21,42 horas desta cuarta feira o incendio que se iniciou o luns en Gabín, en Montederramo, tras calcinar unhas 50 hectáreas, delas cinco con árbores e 45 de monte raso.

Os tres espazos en chamas en Manzaneda déronse por extinguidos con apenas dous ou tres minutos de diferenza. Estes calcinaron 1.204 hectáreas. En Chandrexa de Queixa as lapas levaron por diante 5 hectáreas de arborado e 845 de monte raso.