Estabilizados os incendios forestais de Palas de Rei e Castro de Rei

Varios axentes de emerxencias observan o incendio forestal de Palas de Rei. (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
A chuvias que caeron a última hora da pasada sexta feira axudaron ao control do lume. Xuntos, os fogos suman 150 hectáreas calcinadas.

A Consellería do Medio Rural deu por estabilizados ao longo da noite os dous principais incendios que afectaban dous municipios das comarcas da Ulloa e a Terra Chá.

O fogo declarado en Palas de Rei alcanzou as 120 hectáreas, mentres que o de Castro de Rei, orixinado en dúas naves e que deu o salto ao monte, leva calcinadas 27.

Palas de Rei

Na Ulloa, o incendio de Palas de Rei afecta á parroquia de Orosa. Iniciouse na tarde desta pasada sexta feira, ás 16.21 horas. Os equipos de extinción dérono por estabilizado contra a medianoite, despois de que empezase a chover.

Até o momento, segundo datos difundidos pola Xunta da Galiza, na mañá deste sábado, mobilizáronse para a súa extinción tres técnicos, 17 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, tres pas, catro avións e cinco helicópteros.

Castro de Rei

O fogo de Castro de Rei, iniciado pouco antes das 16 horas da pasada sexta, na parroquia de Santa Locaia, foi dado por estabilizado ás 23.23 da noite. Segundo as últimas estimacións, afecta a unha superficie de 27 hectáreas e até o momento mobilizáronse tres técnicos, seis axentes, 18 brigadas, 14 motobombas, dous avións e tres helicópteros.

As chamas orixináronse en dúas naves industriais do lugar de Casás. Unha delas contiña labras de madeira e ardeu por completo, mentres que na outra só se consumiron troncos que tiña almacenados.

Durante a noite, os servizos de emerxencias empregaron unha pa facilitada polo Concello para remover e retirar parte do material e proceder á súa refrixeración.

Segundo informa o 112 Galicia, foron varios os particulares que deron a voz de alarma por este incendio e, posteriormente, pasouse o aviso ao 061 –por se fose necesaria a súa intervención–, aos bombeiros de Vilalba e Barreiros, ao GES da Pontenova e á Garda Civil.

Tamén participaron medios do distrito forestal da zona, técnicos da empresa xestora do tendido eléctrico, as autoridades ambientais da Xunta e o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias, que desprazou unha cisterna ao lugar para axudar nas tarefas.

Outros incendios

Medio Rural informa doutro incendio no municipio de Avión (O Ribeiro), na parroquia de Abelenda, que continúa sen extinguir. Con todo, pouco antes das 10 horas deste sábado deuse por controlado, con case 16 hectáreas queimadas. Tamén está controlado desde pouco antes das 23 horas outro fogo en Trasmiras (A Limia), concretamente o da parroquia de Vila de Rei, que afecta a oito hectáreas.

Esta sexta feira ficou apagado outro incendio en Rubiá (Valdeorras), cunha estimación de 13,5 hectáreas queimadas, oito delas de monte arborizado.