Estabilizados os incendios de Moaña e Ponteareas, que queimaron 45 hectáreas: "O fogo chegou ao límite das vivendas"

A veciñanza tivo que participar da extinción do fogo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Na noite da segunda feira desactivouse a alerta por proximidade das chamas a vivendas.

Os dous incendios forestais de Moaña e Ponteareas (Pontevedra), que o luns pasado ameazaron casas, quedaron estabilizados —aínda non controlados— após queimar en conxunto unhas 45 hectáreas, segundo estimacións provisionais.

Segundo informa a Consellaría do Medio Rural na mañá desta terza feira, "a extinción do lume evoluciona favorabelmente e trabállase no arrefriado de puntos quentes". A situación 2 —alerta por proximidade do lume a casas— quedou desactivada na noite da segunda.

En concreto, no incendio de Ponteareas, parroquia de Guillade, arderon unhas 25 hectáreas. Traballaron nove helicópteros, seis avións e 17 brigadas, entre outros medios.

A rexedora municipal de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, explicaba na segunda feira que "o fogo chegou moi perto, ao límite das vivendas". Veciños colaboraron cos seus medios mollando a contorna das vivendas.

Pola súa parte, o fogo de Moaña, na parroquia de Meira, queimou xa unhas 20 hectáreas. Traballan na extinción un oito avións, cinco helicópteros e 27 brigadas, entre outros.

Este incendio obrigou na segunda feira a cortar a autovía do Morrazo durante unhas horas. A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, explicaba que, durante a tarde, viviuse unha situación crítica, "cos veciños apagando o lume desde terra", aínda que apuntou que non houbo desaloxos porque os habitantes traballaban na zona con caldeiros e mangueiras.