Estabilizado un lume en Pontevedra e controlados outros dous en Ferrol e Soutomaior

O incendio da Coruña mobilizou os bombeiros locais.
As brigadas antiincendios estabilizaron esta tarde un lume declarado na parrotia de Lérez, en Pontevedra, nas proximidades de varias vivendas. Tamén quedaron controlados dous lumes iniciados en Doniños, Ferrol, e en Soutomaior

As brigadas antiincendios lograron estabilizar esta tarde un lume que se declarou na parroquia de Lérez, na zona da Gándara, Pontevedra, nas proximidades de varias vivendas. Segundo a Consellaría de Medio Rural, no momento da súa estabilización o lume queimara 0,3 hectáreas de monte raso e as casas non corrían xa perigo. 

Para controlalo acudiron ao lugar un helicóptero, tres motobombas, tres brigadas e un axente. A columna de fume orixinada era visíbel desde varios puntos dos arredores.
Ademais, outros dous incendios que se declararon na tarde nos municipios de Soutomaior e Ferrol puideron ser controlados.

O de Soutomaior iniciouse ás 16.02 horas na parroquia homónima, e puido ser controlado unha hora máis tarde polos efectivos despregados, tras queimar 0,03 hectáreas de monte raso. Nos labores de extinción traballaron tres vehículos motobombas, dúas brigadas e un axente.

No caso de Ferrol, o lume empezou ás 14.50 horas na parroquia de Doniños e foi controlado ás 16.00 horas, cando arderan  0,15 hectáreas. Neste caso, traballaron sobre o terreo un helicóptero, tres motobombas, catro brigadas e un axente.

Na Coruña, un lume nas proximidades do polígono de Vío obrigou a cortar o tránsito ferroviario durante una hora.