Estabilizado un dos incendios de Larouco, mentres o outro afecta a 100 hectáreas

Imaxes do incendio en Larouco iniciado esta quinta feira. (Fotos: Incendios Galicia).
A superficie queimada ascende, polo de agora, até as 220 hectáreas.

Un dos incendios que se mantiñan activos esta quinta feira no concello de Larouco está xa estabilizado, segundo informou no seu parte diario a Consellaría de Medio Rural esta mañá.

Concretamente, trátase do lume que afecta á parroquia de Seadur, e que onte queimara unhas 110 hectáreas.

No momento de ser estabilzado, ás 0.36 horas, a superficie total queimada por este incendio era de 120 hectáreas.

Para controlar este lume, tiveron que ser desprazados un técnico, 12 axentes, 24 brigadas, 22 motobombas, unha pala, catro helicópteros e dous avións.

Segundo lume activo

Por outra parte, o segundo dos incendios no concello de Larouco segue no momento de escribir esta información activo.

Este, situado na parroquia de Freixido, mantense nunha superficie afectada aproximada de 100 hectáreas, após 26 horas activo.

Nas tarefas de estabilización e extinción das lapas están desprazados no terreo 15 axentes, 23 brigadas, 17 motobombas, dúas palas, cinco helicópteros e dous avións.