Estabilizado o incendio de Porto do Son logo de arrasar 35 hectáreas

Imaxe de arquivo dun incendio (Foto : @Batallont15)
O incendio de Nebra obrigou esta terza feira a activar unha Situación 2 pola proximidade das lapas ás casas no núcleo de Queiro, que foi desactivada unhas horas despois.

A Consellería de Medio Rural dá por "estabilizado" desde as 8,59 horas desta cuarta feira, aínda sen controlar, o incendio forestal na parroquia de Nebra, no Concello de Porto do Son, logo de arrasar unhas 35 hectáreas.

Diso informou na mañá desta cuarta este departamento cunha nova actualización da superficie queimada.

Este lume iniciouse ás 16:51 da terza feira, o día despois de que se lograse extinguir outro incendio de case 20 hectáreas tamén en Porto do Son, nese caso na parroquia de San Pedro de Muro.

O incendio de Nebra obrigou a activar unha Situación 2 pola proximidade das lapas ás casas no núcleo de Queiro, que foi desactivada unhas horas despois.

No seu control traballaron, entre outros, sete helicópteros, seis avións, 22 brigadas e 20 motobombas.

Mentres, o incendio que comezou o sábado no Concello de Ourense, na parroquia homónima, segue controlado desde a segunda feira, aínda sen extinguir, despois de queimar 52 hectáreas --28 delas de arboledo--.

Traballaron, entre outros, 12 avións, sete helicópteros, 31 motobombas e 50 brigadas.