Controlado o incendio que orixinou un vehículo e que calcinou 125 hectáreas en Carnota

Situación do incendio de Carnota desde Lira, na noite deste domingo. (Foto: @incendiosgalic1 / Twitter)
O condutor do vehículo sentiu que comezaba a quentarse de forma inusual e decidiu parar e arrimarse ao carón desta área de servizo.

A Consellaría do Medio Rural deu por controlado ás 11.29 horas desta segunda feira o incendio forestal que permanecía activo no municipio de Carnota (comarca de Muros) e que calcinou até o momento 125 hectáreas, segundo as estimacións provisionais.

O fogo iniciouse contra as 15.07 horas deste domingo na parroquia de San Martiño de Lariño e tivo a súa orixe no incendio dun vehículo na estrada AC-550, o que provocou que as chamas saltasen a terreo forestal.

No punto traballan un técnico, 11 axentes, 17 brigadas, 13 motobombas, dúas pas e un helicóptero. Segundo confirmou a Europa Press o alcalde da localidade, Juan Manuel Saborido, a partir das 4 horas da madrugada desta segunda feira "a situación mellorou", en parte porque "están a caer catro pingas" e iso "axuda a controlar o lume".

Aliás, Saborido detallou que non houbo que desaloxar ningún veciño ou veciña das súas vivendas, malia que houbo quen si decidiu abandonala pola súa propia vontade ao haber persoas con mobilidade reducida nos seus domicilios.

En todo caso, o rexedor afirmou que se activou un protocolo de actuación para avisar a veciñanza da zona de que o fogo estaba próximo, especialmente, para manter a precaución con persoas que puidesen ser vulnerábeis.

O alcalde de Carnota explicou, en relación á orixe, que o condutor do vehículo calcinado sentiu que o coche comezaba a quentarse de forma inusual e decidiu parar e arrimarse ao carón desta área de servizo, que está pegada ao monte polo que se iniciou o incendio forestal.

*Información actualizada ás 12.16 horas