A estabilidade da Covid cede: a semana fecha cunha suba da incidencia e unha nova repunta das hospitalizacións

Un traballador sanitario participa na realización dun cribado masivo con tests de antíxenos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
Os contaxios detectados no último día baixan até os 174. Porén, os casos activos aumentan por terceira xornada consecutiva.

O balance diario facilitado polo Sergas rexistra unha suba lixeira dos casos activos máis dos ingresos hospitalario relacionados coa Covid-19, cinco pacientes máis que elevan o total até os 172, lonxe dos 219 que había no inicio da semana.

Dos 172 pacientes con coronavirus, 145 recupéranse en unidades convencionais, tres máis, e 27 en unidades de coidados intensivos, dous máis.

Variacións na presión hospitalaria

Por áreas sanitarias, só a de Ferrol e Pontevedra e O Salnés aliviaron presión asistencial. Mentres Ferrol coida de cinco pacientes en planta, sen críticos, a área de Pontevedra atende 17 pacientes en planta, tres menos, e tres en UCI, un máis.

A cifra de hospitalizados mantense na área de Vigo, con 27 enfermos en unidades convencionais, un menos, e seis en coidados intensivos, un máis; na de Santiago e O Barbanza, onde se manteñen 19 en planta e catro en críticos; e na de Lugo, A Mariña e Monforte, que segue con catro en planta e tres na UCI.

As áreas da Coruña e Cee e de Ourense, Verín e O Barco rexistraron unha leve repunta. A primeira soporta a maior presión asistencial, con 55 pacientes en unidades convencionais, cinco máis, e nove en UCI, sen cambios. Mentres, en Ourense, atenden 18 os pacientes en planta,tres máis, e dous críticos, os mesmos que o día anterior.

Casos activos

As estatísticas do Sergas apuntan un novo incremento dos casos activos tras a suba rexistradas as dúas xornadas previas. Así, o número total de infeccións por coronavirus activas na Galiza é de 2.305, 19 máis.

Esta tendencia ascendente afecta a catro das sete áreas: A Coruña e Cee, Santiago e O Barbanza, Pontevedra e O Salnés e Ourense. Pola contra, Vigo, Lugo e Ferrol rexistraron unha lixeira baixada.

Nas últimas 24 horas, as altas hospitalarias, 155, quedaron por debaixo dos novos positivos detectados, 174, dos cales 157 foron confirmados mediante PCR. Con todo, son menos dos comunicados un día antes, 206, a cifra máis alta do último mes. Se ben, tamén diminuíu o número de probas realizadas. Foron 6.211, case 900 menos que a xornada previa.

A área de Vigo volveu liderar a suba de contaxios, seguida da da Coruña, Santiago e Pontevedra. No conxunto do territorio a taxa de positivade mantense arredor de 3%, por riba do 2,4% que Sanidade apuntaba como mostra de estabilidade esta semana mais aínda por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa para dar por controlada a pandemia.

Suba da incidencia

Na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico da pasada terza feira, a directora xeral de Saúde Pública situaba Galiza nunha fase de meseta cunha incidencia acumulada estábel entre os 32 e 34 casos por cada 100.000 habitantes a sete días e entre 60 e 70 a 14 días.

Hoxe sitúase en 40 e 74 casos por 100.000 habitantes respectivamente, fronte aos 33 e 66 cos que remataba a Semana Santa. As estatísticas reflicten unha suba da incidencia de 12% que fai pensar nun cambio de tendencia cara o ascenso.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron na Galiza 2.368 persoas diagnosticadas de Covid-19, despois de que na xornada do sábado a Consellería de Sanidade non notificase ningunha nova vítima.