“UNIDAS SOMOS MáIS FORTES, UNIDAS VENCEREMOS”

Esquerda Unida lanza unha campaña na loita polos dereitos LGTBi

Eva Solla e Noel Dopazo [Imaxe Esquerda Unida]

Promoverán mocións nos concellos. Asemade, amosaron o seu apoio á activista e sindicalista Laura Bugalho que será xulgada esta terza feira (7 de xuño). 

Eva Solla (Esquerda Unida) e Noel Dopazo, responsábel da área de liberdades sexuais da organización (ALEAS) presentaron esta segunda feira a campaña “Unidas somos máis fortes, unidas venceremos”. 

“Para acadar a ansiada igualdade real é necesario responder de forma contundente desde as rúas e as institucións"

Con motivo do Día do Orgullo (28 de xuño) desde Esquerda Unida anunciaron que presentarán unha moción nos concellos galegos coa que visan procurar o apoio das demais forzas políticas na loita contra a LGTBifobia e a condena da violencia contra este colectivo. “Para acadar a ansiada igualdade real, que se leva esixindo desde as revoltas de Stonewall, é necesario responder de forma contundente desde as rúas e as institucións, unidas fronte un sistema heteropatriarcal que violenta e ataca a unha parte da poboación”, sinalou Noel Dopazo

“Aínda que é moito o que se ten avanzado nestes anos, pensamos que é insuficiente. Por iso, dende Aleas EU facemos un chamamento en dous sentidos. Por un lado, insistimos na necesidade dun compromiso real institucional e que se traduza en políticas reais e, por outro, facemos un chamamento á unidade ao colectivo LGTBI”, acrecentou. 

Pola súa banda, Eva Solla, vicevoceira de AGE no Pazo do Hórreo criticou a falta de medidas efectivas para aplicar a Lei 2/2014 pola Igualdade de Trato e Non Discriminación a Gais, Lesbianas, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais en Galiza embora teren transcorrido "dous anos da aprobación" da mesma. Así mesmo, tamén tildou de “moi insuficiente e sen ningún tipo de pedagoxía ou información sobre o que é a diversidade sexual” a campaña Eu respecto, promovida pola Xunta de Galiza e coa que foron repartidos 5 mil cartaces entre os centros de ensino galegos

Apoio a Laura Bugalho

Na comparecencia de imprensa Esquerda Unida amosou o seu apoio á activista LGTBi, Laura Bugalho, que será xulgada esta terza feira (7 de xuño) acusada dun presunto delito de falsidade documental e tráfico de persoas pola labor desenvolvida desde a área de migracións da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Neste senso, chamaron a participar na concentración que terá lugar ás 9.00h diante dos Xulgados de Fontiñas (Compostela) sumándose ao chamamento lanzado por numerosos colectivos e organizacións que nos últimos días inundaron a rede coa campaña de solidariedade #MoitasLaurasPrecisaEstePaís.