Fina Casalderrey, escritora

"Espero que O Diario Galego axude a conquistar falantes, seducindo..."

Fina Casalderrey

A escritora e profesora Fina Casalderrey espera que Sermos O Diario Galego, o proxecto que preparamos para 2019, "teña oportunidade de voar por riba dos tellados do país e axude a conquistar falantes, seducindo".

-Que esperas de Sermos O Diario Galego?

 

-Que sexa un xornal enteiramente galego —como aquel O tío Marcos da Portela aparecido en 1876— e que, xeneroso e intelixente, abra as portas a todos os galegos e galegas de nacemento ou sentimento; que ofreza páxinas “en branco”, sen máis encabezamento e afinidades de partida que as da fala galega; unha sorte de “caixa de suxestións” e de “resonancia” a través da que poder opinar libremente persoas con miradas diferentes e desde ángulos distintos, mesmo opostos, e co que lectores de variados credos se sintan representados. Claro que esa liberdade de expresión, que como lectora quixera percibir, só se pode acadar con independencia económica. Espero que teña oportunidade de voar por riba dos tellados do país e axude a conquistar falantes, seducindo... Eu, na miña experiencia como mestra, creo que conseguín máis dese xeito que empuxando pola forza.

 

-Por que é necesario?

 

-O galego precisa da prensa escrita desde a credibilidade que dan as miradas variadas e a convicción de estarmos a ler un xornal poliédrico, dirixido desde a tan difícil obxectividade, neutral e coherente, sen máis límites que o respecto e a honradez nos dicires. Por suposto, cada escritor ou escritora de xornal non é neutral, cadaquén de nós temos as nosas conviccións, os nosos soños... Porén, só abrindo as portas a diferentes interpretacións da realidade, sen máis censuras que as do respecto aos que non pensan igual que nós, podemos achegarnos ao ideal. Se lemos que unha botella está medio chea e, noutra páxina —ou na mesma—, lemos que está medio baleira, podemos tirar a conclusión certa de que a botella vai pola metade, aínda que a uns lles pareza un dato optimista e a outros o contrario.

 

-Que pegada pode ter este diario no ámbito do ensino e da creación literaria?

 

-Pode ter moita se se deixa un espazo de protagonismo que interese a estes colectivos, dando visibilidade ás preocupacións dos ensinantes, do alumnado, das familias, con espazos nos que poidan expoñer experiencias didácticas anovadoras, opinións... E outro tanto ás creacións da xente moza. Quizais non se trata tanto de inventar como de rescatar e reactivar o máis eficaz de experiencias pasadas como A Nosa Terra ou Vagalume. E non me refiro tan só ás relacionadas coa fala, senón a calquera tipo de experiencia, incluídas as científicas, contada na nosa fala, loxicamente. Un xornal normalizado, integramente en galego, segue a ter o necesario e marabilloso valor da militancia a favor da lingua e da cultura galega. Segue a ser unha sorte de aventura, un camiño difícil —mais ilusionante—, que conduce ao soño de moitas e moitos galegos doutrora e, por fortuna, aínda de hoxe. A un xornal en galego pásalle como a unha muller: ten que demostrar o duplo para conseguir o mesmo recoñecemento.

 

[Para facer de Sermos O Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións. Podes sumarte nesta ligazón]