As esperanzas do Goberno galego para que a seca remita, postas na chuvia dos vindeiros días

Encoro de Abegondo, no concello de Cambre. (Foto: M. Dylan/Europa Press)
O Goberno galego declarou a prealerta de seca en 12 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, segundo anunciou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

A Oficina Técnica da Seca mantivo na quinta feira a primeira reunión desde que a Xunta decretase a prealerta de seca en 12 dos 19 sistemas de abastecemento da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa.

O ente, no que se integran Augas da Galiza, Protección Civil, Meteogaliza e a Consellería do Medio Rural, acordou levar a cabo un seguimento quincenal da situación hidrolóxica en Galicia-Costa, ao tempo que as esperanzas de mellora deposítanse nas chuvias dos vindeiros días.

A Xunta agarda así que a situación destes doce sistemas de abastecemento volva a normalidade coas precipitacións previstas. Non en tanto, os servizos de meteoroloxía insisten en que os seus modelos de predición estiman que a Galiza encamíñase cara a unha primavera seca, que podería levar até o verán o período de seca.

Neste sentido, a Oficina Técnica de Seca manterá a vixilancia posta no caudal de ríos e manantiais, na procura de comportamentos anómalos que poidan mostrar unha redución preocupante dos recursos hidrolóxicos da Galiza.

Prealerta de seca en Galiza-Costa

A Xunta decretou a comezos da semana a prealerta de seca nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); e río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita).

A prealerta tamén estará vixente no abastecemento de río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña até o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña até o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, afirmou que o Goberno galego tomou esta decisión após detectar "dúas anomalías claras" no que respecta aos niveis de precipitación e os caudais circulantes actuais.

O ministro español de Agricultura, Luis Planas, tamén se manifestou sobre esta situación de seca que afecta a toda a Península Ibérica. Planas sinalou que a Unión Europea tratará o tema nunha reunión que decorrerá en Bruselas a finais de febreiro, e na que se porán enriba da mesa "posíbeis medidas".