Esperando polo home feminista

As actividades teñen lugar no espazo universitario da Normal, na Coruña (UDC)
Os "aliados" existen. Mozos e homes que se senten apelados polo feminismo, que son conscientes de que ostentan certos privilexios dos que non gozan as mulleres do seu redor e que queren desprenderse da "mochila de machismo" que cargan desde que naceron. Como facer para activalos?
 

Desa pregunta parte "Intermodal", a actividade interdisciplinar que este mes se desenvolve no espazo da Normal da Universidade da Coruña, e coa que as persoas coordinadoras queren reflexionar e facer reflexionar sobre desigualdades de xénero, roles e novas masculinidades. 

"Os homes, mesmo aqueles sensibilizados co tema, non se implican no feminismo da maneira na que o fan as mulleres. Elas participan, len, reúnense… Eles, nos máis dos casos, limítanse a declararse feministas e non facer nada. Quedan como están", razoa o psicólogo Julio Quintas, coordinador xunto con Patricia Carballal desta iniciativa, que mañá á tarde (18 horas) ofrece unha sesión centrada no urbanismo e o xénero, aberta a inscricións e gratuíta.

Segundo explica, para salvar esa eiva nacen as propostas de "Intermodal", que abranguen desde disciplinas artísticas, como a música ou o teatro, ou lúdicas, como o baile informal, ao planeamento do territorio.

"Nón se trata só de desmontar roles, senón analizalos desde o lúdico desde as emocións e non só desde perspectivas intelectuais, que tamén", expón o coordinador, que busca fórmulas para atraer públicos masculinos a unhas actividades con afluencia maioritariamente feminina. 

A xornada de mañá prepara unha dinámica sobre planificación urbana e territorio arredor da configuración da vivenda, do barrio ou da cidade a través da perspectiva de xénero. 

Roles asignados

As alternativas que achega o urbanismo son só un dos exemplos que 'Intermodal' propón para revelar como o xénero ten implicación directa nas vidas. O día 18, o programa ofrece outra perspectiva, a través da sesión de danza "Baila, baila, bendito". "Pensámolo como unha forma de entrar nos roles clásicos. Eses papeis, que nos veñen asignados socialmente, poden verse a través do baile, do movemento, das cancións e mesmo dos xestos da cara, porque, en efecto, movémonos distinto, pero é algo aprendido", adianta o coordinador.

Esa mesma idea presidiu a sesión "Á espera dos novos homes" que, a través de dinámicas teatrais, quixo desenmascarar clichés de xénero que se repiten en películas e series de ficción. A actividade, explica Quintas, rematou coa representación de Esperando a Godot: "Porque, como na obra, seguimos agardando por ese home feminista que non acaba de chegar".