A espera media para operarse na Galiza excede os 70 días

Intervención cirúrxica no quirófano dun hospital (Foto:Europa Press).

Malia mellorar os tempos de espera con respecto ao ano pasado, as estatísticas do Sergas reflicten demoras superiores ás dos meses previos á pandemia da Covid.

O tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica no Servizo Galego de Saúde era de 70,2 días a día 30 de xuño de 2021. Supoñen 30,6 días menos que os 100 rexistrados na mesma data do 2020, cando os datos se dispararon tras a primeira onda da pandemia da Covid. Porén representa o dato máis elevado dos últimos cinco anos, unha demora que afecta, sinalan as estatísticas  o Sergas, a unhas 40.000 persoas

Segundo salientou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, aínda vai levar "polo menos un ano ou ano e medio" reducir esta agarda por baixo dos 60 días que estabelece o decreto de garantías.

En canto ás listas de espera para unha primeira consulta cun especialista hospitalario, hai uns 150.000 pacientes cun tempo medio de 42,6 días a 30 de xuño de 2021, que son 23,7 menos en comparación os 66,3 de hai un ano.

Ademais hai 94.600 persoas á espera de realizar ou recibir unha primeira proba diagnóstica ou terapéutica. Neste caso, a demora  supera os 72 días, case 40 menos que hai un ano. Malia a mellora, este dato é o peor rexistrado polo Servizo Galego de Saúde na última decada.

Forzas sindicais, colectivos de defensa da sanidade pública e asociacións de pacientes advirten da necesidade de tomar estes datos con cautela, xa que atenden a unha "realidade falseada" que non ten en conta un alto volume de doentes que agardan fóra das listas de espera estrutural, e que, polo tanto, non computan nestas estatísticas.

Normalidade

O director xeral de Asistencia Sanitaria asegurou, ademais, que polo momento, a pandemia garante o desenvolvemento da actividade cirúrxica "con normalidade" a pesar do aumento da presión hospitalaria provocada nas últimas semanas pola quinta onda da pandemia.

Preguntado en rolda de prensa sobre se se producen suspensións ou aprazamentos de intervencións non urxentes, Aboal afirmou que ata o de agora "os pacientes que necesitan hospitalización están todos sendo hospitalizados", igual que aqueles "que requiren soporte respiratorio específico" nas unidades de coidados intensivos (UCI).

A diferenza de ondas pasadas da Covid, os hospitais do Sergas aínda non activaron a fase dúas, na que se empregan as camas de reanimación cirúrxica "unha vez as UCI estean completas".

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, admitiu que estiman que "en principio" os pacientes en UCI van ir subindo -hai 30 doentes críticos, na actualidade-. Seben, afirmou, "a día de hoxe" os datos "non preocupan desde o punto de vista asistencial".

Mais "iso non quere dicir que non nos preocupe a incidencia", matizou a continuación, debido a que "non son os números" que lles gustaría ter este verán.

A pesar de que "non hai ese momento de estabilización" do crecemento da presión hospitalaria, Flores si manifestou o seu optimismo debido a factores como o avance da vacinación --en Galicia, as persoas con pauta completa están xa preto do 70% de poboación diana-- e a "inmunización propia da xente que se está infectando".