A especulación chega aos antíxenos

Un farmaceutico vende estes días un test de antíxenos. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
As farmacias sinalan que o problema está na distribución dos test. Sorprende a disparidade de prezos nos diferentes países da UE.

A pandemia da Covid-19 volve a traer situacións de abuso nos prezos de produtos fundamentais para manter lonxe a posibilidade de contaxios na sociedade. Aconteceu coas máscaras cando apareceu o virus e as primeiras medidas sanitarias impuxeron as máscaras. Pouco tempo despois, pasou o mesmo cos xeles hidroalcohólicos. Agora as denuncias por especulación chegan aos test de antíxenos, unha ferramenta sinxela e doada de empregar coa que podemos realizarnos un autodiagnóstico. 

Desde que se aprobara o pasado 21 de xullo de 2021 no Boletín Oficial do Estado (BOE) o Real Decreto polo que se permitía a súa venda en farmacias, sen necesidade de contar cunha receita médica, a súa popularidade non deixou de aumentar. As medidas de control que se foron aprobando fixeron que a súa demanda aumentase, segundo algunhas fontes, a partir de finais do mes de novembro.

Coa chegada da variante Ómicron e as festas do Nadal a situación estoupou. Algunhas farmacias quedaron sen existencias e outras contaban con elas mais a prezos máis elevados. As protestas chegaron ás redes sociais e mesmo se están a recoller sinaturas contra esta situación a través dunha plataforma dixital.

Diante disto, o BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa para exixir ao Goberno do Estado que interveña e regule os prezos das probas rápidas de auto diagnóstico.

 

Disparidade de prezos en Europa

Un dos elementos máis chamativos do que acontece cos test de antíxenos é a diferenza de prezos na contorna dos países europeos. No Reino Unido son gratuítos e en Portugal pódense obter por pouco máis de dous euros, os máis económicos da Unión Europea.

Na Alemaña o prezo parte dos 3 euros e en Italia, pola contra, comezan nos 5 euros e as probas en farmacia necesarias para realizar moitas actividades no país fixáronse por decreto en 15 euros para os maiores de idade. Na Galiza o seu custe é de entre seis e oito euros mais estes días numerosos estabelecementos, segundo alertan as e os consumidores, elevaron  o seu prezo. 

As farmacias culpan á falta de distribución

Cofano, a principal cooperativa de distribución, informou da entrega de máis de 25.000 unidades na Galiza o pasado 23 de decembro. Fontes do sector farmacéutico galego sinalan que o problema está na canle de distribución e na dependencia que teñen de importar os test da China.

Coa elevada demanda destas datas a propia distribución calcula que non se normalizará a situación até pasadas as festas de Nadal. A habilitación de puntos gratuítos en aeroportos e estacións habilitados pola Xunta tampouco foi quen de solucionar o problema por estar restrinxidos ás persoas en traxecto que empregaron o avión ou o tren estes días. 

Desde a asociación de consumidores Facua falan de "especulación" ao realizar un estudo da escaseza de test de  antíxenos en farmacias do Estado español e comprobar que existían subas nos prezos de até un 100%. A asociación denunciou nun comunicado que "nin o Ministerio de Sanidade nin as comunidades fixaron prezos máximos, favorecendo así as desproporcionadas marxes de beneficios que se están producindo".