As especies de morcegos en risco, sen plan de conservación: 25 especies identificadas na Galiza, 11 delas ameazadas

Morcego de ferradura grande ou 'Rhinolophus ferrumequinum'. (Foto: Morcegos de Galiza).
Morcegos de Galiza vén de fechar en 2023 a segunda fase dun estudo que comezou un ano antes sobre a presenza de especies ameazadas nos bosques da reserva da biosfera Terras do Miño (A Mariña, A Terra Chá, Lugo, Sarria, Ancares e Meira). O traballo destaca o valor das carballeiras antigas para a conservación dos grupos en risco.

Os bosques e as formacións forestais conforman un dos hábitats de estudo fundamentais para os membros da asociación Morcegos de Galiza. Desde hai dúas décadas centran os seus esforzos na investigación e divulgación das especies representadas en todo o territorio. Determinar a abundancia e a diversidade de exemplares, a súa distribución, así como a calidade dos hábitats que os acollen é un obxectivo transversal que promoveu senllos estudos sobre a presenza de morcegos tanto nos soutos do Courel e os Ancares como nas Fragas do Eume.

En 2022, Morcegos de Galiza iniciou un novo proxecto ao abeiro da Deputación de Lugo para coñecer o uso que as diferentes especies de morcegos forestais fan das carballeiras na reserva da biosfera Terras do Miño. Ao longo do último ano realizaron mostraxes acústicas con gravadoras de ultrasóns e capturas de exemplares con redes de néboa nos concellos de Muras (A Terra Chá), Pol e Meira (comarca de Meira); tras explorar O Páramo (comarca de Sarria), Begonte e Xermade (A Terra Chá) en 2022.

Especies e hábitats

"Sabiamos que había especies ameazadas moi interesantes ligadas a carballeiras antigas, bosques culturais sen ningún tipo de protección real e efectiva", explica a Nós Diario Roberto Hermida, membro de Morcegos de Galiza. O traballo de campo posibilitou identificar novas zonas de presenza de especies ameazadas que están no catálogo, como o Myotis mystacinus, máis tamén outras que sen estar recoñecidas como tal "son moi escasas". É o caso da Myotis alcathoe, unha especie ligada aos bosques de ribeira das zonas montañosas.

"Buscamos sobre todo en carballeiras antigas, unhas máis centenarias, con carballos demoucados que chegaron a ser pastoreadas, e outras máis naturalizadas, abandonadas desde hai máis tempo; pero nun caso e noutro o que vemos é que son hábitats moi interesantes para estas especies de morcegos forestais ameazados. Son case o único sitio que teñen para estar".

A desaparición destes espazos naturais suporía a perda de especies concretas. "Hainas que son máis adaptábeis, pero atopamos dúas localidades novas de Myotis bechsteinii, que se refuxia en árbores e se alimenta en zonas de bosque", e que non sobreviviría fóra deste hábitat. "Ou o nóctulo grande –Nyctalus lasiopterus–, a especie de morcego máis grande de Europa".

Na Galiza hai 25 especies de morcego identificadas, moitas representadas en todo o territorio e outras que só se deixan ver en "hábitats axeitados". Socialmente, advirte Hermida, os morcegos gañaron en curiosidade, coñecemento e respecto, máis desde o punto de vista da conservación e das políticas públicas, "estamos a cero".

"Temos 11 especies ameazadas pero para ningunha se desenvolveu un plan de conservación. Hai medidas que se poden adoptar, como a protección de refuxios, que a Xunta tampouco impulsou". No seu canto, di, actúan os concellos, como o do Brollón na cova das Choias; o da Fonsagrada nas minas, ou o de Mondoñedo no Rei Cintolo.