Os españois consideran que a Galiza é o destino con menos saturación turística

Bañistas nunha praia da Mariña, o pasado verán (Carlos Castro / Europa Press)

Ademais, canda Catalunya, é o territorio onde os viaxeiros consideran que máis se respecta o uso das máscaras de protección.

Os viaxeiros españois consideran a Galiza como o destino máis atractivo do Estado se o que se busca é un destino con pouca saturación turística, segundo o barómetro da consultora Braintrust.

Este é un dos factores analizados en relación á seguridade sanitaria. Así, os españois valoran cun 7,87 a súa experiencia co nivel de masificación que viviron na Galiza, por diante de Andalucía (7,74) e Castela e León (7,69).

De maneira global, Asturias e Andalucía son as comunidades autónomas que se perciben como máis seguras a respecto da posibilidade de se contaxiaren co coronavirus. Por valoracións, Asturias recibiu 7,97, Andalucía 7,93 e Catalunya 7,77.

Factores de seguridade

Os viaxeiros consideran que existen tres factores chave á hora de sentir que un destino lles brinda a seguridade sanitaria que na actualidade tanto se busca. En primeiro lugar, a boa xestión das citas previas en tendas, restaurantes e praias, que impide aglomeracións e tempos de espera.

Neste sentido, a clasificación por comunidades autónomas estaría liderada por Castela e León (8,13) seguida por Andalucía, Asturias e a Galiza (8).

Outro aspecto importante que se valora é o uso de máscaras de protección por parte doutros turistas no destino.

A este respecto, as cualificacións colocan Catalunya (8) e a Galiza (7,91) como os dous territorios onde máis se respectou esta restrición segundo os turistas.