“España é unha república bananeira”: un cargo da Xunta comparou o Goberno español co réxime nazi nunha charla nun colexio

César Pérez Ares, nunha foto de arquivo. (Foto: Nós Diario)

A Consellaría matiza que falou como ex deputado e que o propio aludido nega que o denunciado se corresponda "coas súas palabras"

O PSdeG-PSOE de Pontevedra denunciou esta quinta feira a intervención "lamentábel" do xefe territorial en funcións de Educación na provincia, César Pérez Ares, nunha charla de ex parlamentarios galegos nun colexio de Soutomaior (comarca de Vigo), na que, aseguran, este cargo da Xunta da Galiza comparou o Goberno español co “réxime nazi" e cualificou o presidente Pedro Sánchez de "autócrata".

A charla decorreu na mañá desta quinta feira no Colexio Santiago Apóstolo de Soutomaior, e Pérez Ares participou en calidade de ex deputado do PP, xunto aos ex parlamentarios Manuel Lourenzo, do BNG (actual alcalde de Soutomaior), e a socialista Leticia Gallego, nunha charla con alumnado de 4º da ESO e Bacharelato.

Segundo denunciou Leticia Gallego, as palabras de César Pérez Ares supoñen "un evidente desprezo polas máis elementais regras da democracia" e foron pronunciadas en resposta á pregunta dun alumno sobre o proxecto de lei de amnistía.

Gallego explicou que o ex deputado 'popular' dixo que o Goberno de España é "como o réxime nazi", que "España é unha república bananeira" e que o presidente, Pedro Sánchez, é "un autócrata".

"Algo está a fallar"

Ante estas manifestacións, con "argumentos ultra" de alguén que "insulta e deslexitima as institucións", Leticia Gallego preguntouse se Pérez Ares "está capacitado para ostentar o cargo de xefe territorial da Consellaría de Educación".

"Educar en valores é básico e se un responsábel público, con esta responsabilidade tan concreta, fala con esta baixeza dos piares mesmos da democracia, algo está a fallar", advertiu a ex parlamentaria do PSdeG, antes de engadir: "Se este señor é o responsábel da Educación pública na nosa provincia, non queda outra que preguntarnos en mans de quen estamos".

Testemuñas presenciais da charla confirmaron á axencia Europa Press que o actual xefe territorial de Educación pronunciouse no tenor denunciado polo PSdeG e consideraron fóra "de contexto" as declaracións feitas, incluíndo "demagoxia", ante un auditorio de adolescentes.

Resposta da Consellaría

Foentes da Consellaría de Educación afirmaron que César Pérez Ares acudiu a esa charla "a título persoal", en calidade de ex parlamentario, para falar da súa experiencia como deputado na Cámara galega, "pero non en calidade de xefe territorial".

Con todo, as mesmas fontes matizaron que o aludido trasladou ao departamento galego que o denunciado "non se corresponde coas súas palabras nese acto".