España renuncia á patente unitaria europea porque non está en castelán

Segundo informa ‘Ara’, o Goberno español renuncia por non poder tramitarse en español.

O Estado español renuncia á patente unitaria europea por non poder tramitarse en español segundo publica o diario catalán Ara.  A patente unitaria europea entrará previsibelmente en vigor o ano que vén, unha vez Austria ratificou a súa adhesión e Alemaña está a piques de facelo.

Este sistema permite, cunha única aplicación, que unha patente entre en vigor en todos os estados que se sumaron. Uns estados entre os cales non está España, que renunciou por unha cuestión idiomática, segundo a noticia, asinada por Xavier Grau del Cerro e Núria Rius. A patente unitaria poderase tramitar en inglés, francés ou alemán, mais non en castelán.

A sección central do Tribunal Unificado de Patentes que se creará para resolver conflitos de patentes no ámbito farmacéutico tiña que estar en Londres, mais o Brexit fixo que se teña que buscar unha sede alternativa. Outras cidades europeas, como  Milán,  Amsterdam e Dublín, xa se están postulando para captar este organismo.

No caso da patente unitaria, a idea é que unha vez aceptada quede inmediatamente validada en cada un dos estados adheridos cun pagamento único.

A patente unitaria non afecta á actual patente europea, segundo explica Ara. A diferenza básica é que a patente europea actual é un procedemento no que hai unha aceptación ou denegación. Pero se a Oficina Europea de Patentes acéptao, despois tense que pedir a validación en cada país e facer os correspondentes pagamentosa cada un deles.

No caso da patente unitaria, a idea é que unha vez aceptada quede inmediatamente validada en cada un dos estados adheridos cun pagamento único.

O camiño para a creación da patente unitaria foi longo. Bruxelas puxo en marcha o paquete lexislativo en 2012, pero producíronse varios atrasos, como un pronunciamento en contra do Tribunal Constitucional de Alemaña ou o Brexit. Mais agora parece que xa está a punto, coa ratificación da maioría de socios europeos, agás Polonia, Croacia e España.

A idea da patente unitaria é clara. Unha especie de portelo único que unha vez acepte unha patente aplícase en todos os países adheridos. Unha maneira importante de simplificar trámites, sobre todo para as empresas doutras economías, como China, Xapón ou os Estados Unidos, debido a que cunha petición e un pagamento poden alcanzar moitos países europeos.

As outras opcións son a mencionada patente europea ou as patentes estatais, unha boa opción para aquelas empresas que queren protexer a súa propiedade intelectual nun país ou nun número moi reducido de estados.