#sinistroenSantiago: a comunidade tuiteira reclama un xornalismo feito con rigor

Repasamos o accidente ferroviario acontecido en Compostela a través dos tres temas principais que centran os chíos da comunidade tuiteira: a criminalización do maquinista, a exixencia de responsabilidades políticas e as queixas das televisións españolas porque Feijóo fixo a súa intervención en galego


O ataque de certos meios ao maquinista -até se botou man do seu taboleiro do Facebook, en que aquel publicou unha foto en que se vía o contaquilómetros do comboio a unha velocidade de 200km/h, tirada nunha viaxe anterior- alporizou a comunidade twitteira, que reclama respecto pola investigación e polas vítimas, para alén dun xornalismo feito con rigor (hai que ter en conta que o Alvia está programado para alcanzar esa velocidade en algúns tramos da vía, sen a cal non sería posíbel que cumprise cos horarios propios dun tren de altas prestacións). As queixas de TeleCinco sobre as intervencións de Feijóo en galego e as responsabilidades políticas que se están a reclamar sobre o sinistro son os outros dous temas que máis comentarios reciben. 

Respeito da criminalización do traballador Francisco G. A., quen conducía o Alvia sinistrado en Angrois, recollemos o chío publicado por @fatimafrieiro: "Eu non creo no xornalismo de andar a mirar o facebook do maquinista. Por favor, respectade á xente e a investigación". Máis taxativo é @PuenteGz, quen se queixa de que con "80 mortos, máis de cen feridos e recortes a diario, no que vos centrades é en atacar ao maquinista que nin culpa tivo". 

En ton retranqueiro fala @tawil so sinalar que "o que me estraña é que nos comunicados da Xunta e de Madrid non lle chamen ao condutor do comboio Apostolos Mangouras, por costume", en referencia á responsabilidade que sobre os ombreiros do capitán do petroleiro Prestige descarregou o Goberno español. Tamén @Cascarelo carga contra a falta de profesionalidade dalgúns medios de comunicación escribindo que "España non sabe vivir sen o seu Tribunal do Santo Oficio agora ocupado por xornalistas" e reclamando que "deixade traballar aos xuices e respectade a dor".

Para as persoas que se sentiron molestas cos medios de comunicación que exixen responsabilidades políticas sobre o accidente vai o chío de @santimlz: "Pódese asumir a resignación colectiva... ou pódese afrontar a realidade, analizada e chamarlle a cada cousa polo seu nome".

De seguido, liga un artigo de opinión de Los Chikos del Maíz en que recordan que "apostar pola alta velocidade é política, os recortes son política, os despedimentos e ERE's en Renfe son política, insinuar coma unha rata que detrás do descarrilamento está Resistencia Galega é política [...] mais vós seguide ao voso". 

Na mesma liña pronúnciase @Xoselnacio a través dun chío en que simula unha conversa: "-Hai mortos! Foi un atentado -Foi un accidente e o maquinista perde soldo se chegan tarde -Bon, non politicemos a traxedia". 

Os chíos de @Son_de_Galiza céntranse nas queixas que as canles de televisión españolas fixeron polo feito de que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervise en galego: "Agora entendedes o 'Probe Galiza, non debes chamarte nunca española'? Se non, podedes poñer Antena3 ou TeleCinco". 

A mesma queixa é partillada, entre outr@s usuari@s da rede social, por @Andrea3Vilaboa: "Traxedia en Galiza no seu día grande e a T5 só se lle ocorre criticar que Feijóo fale en galego. Dades mágoa".

Pola súa banda, @MarcosBL informa de que Twitter "portouse e fixo desaparecer a conta @palomixxurml AntiGalizia unhas horas despois das mofas aos falecidos do tren".  E, por derradeiro, queremos destacar un chío emitido por @bombeiroscoruna en que informan de que "Bombeiros Coruña non participou na traxedia de Santiago porque Emerxencias non o estimou oportuno. Non o entendemos".