ADVIRTEN DO INMINENTE DESPEXO

Esíxenlle ao Concello de Vigo solucións a unha familia en emerxencia habitacional

despexos

A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Vigo-Tui e Baixo Miño convoca unha concentración diante do Concello de Vigo para solicitarlle “responsabilidades” ao Goberno municipal e unha solución a unha familia nunha situación de emerxencia habitacional.

A PAH de Vigo entregará un escrito esta cuarta feira no Concello de Vigo para tratar de que o Goberno municipal poña en marcha os mecanismos necesarios que lle permitan a unha familia en situación de emerxencia habitacional o pago das necesidades máis básicas, como a electricidade.

A plataforma de persoas afectadas polas hipotecas empraza así o Goberno municipal a poñerse en contacto coa Xunta, coas entidades bancarias e coa SAREB para que, con celeridade, se lle consiga un fogar a esta familia. O colectivo advirte dos “centos de casas baleiras” que hai a día de hoxe en Vigo.

A familia afectada ve vulnerado o seu dereito a unha vivenda digna e afronta situacións de gravidade extrema, denuncia a plataforma, que advirte dun desafiuzamento “inminente” por non poder facerlle fronte ao aluguer.