Esgótanse as primeiras entradas para as probas piloto do ocio nocturno na Galiza

Imaxes promocionais no Instagram da sala coruñesa. (Foto: Nós Diario)
A discoteca Pelícano, da Coruña, anunciou a venda das 1.000 entradas dispoñíbeis unha hora despois de ofertalas. A agardada proba piloto promovida polo sector coa Xunta non terá lugar até o 12 de xuño. Será entón cando se comprobe se este tipo de estabelecementos poden ter a súa propia desescalada e retomar a actividade aos poucos.

A proximidade da primeira noite de ocio nocturno na Galiza, pensando nunha situación similar á de antes da pandemia con pubs e discotecas abertos, música, actuacións e copas, espertou a ansia por gozar dese momento de lecer de novo nunha boa parte da poboación galega.

Tanto é así que esta terza feira, cando as grandes discotecas que participan na proba piloto da Xunta puxeron á venda as entradas para a festa da noite do 12 de xuño, estas saíron a moi bo ritmo.

Malia que no momento de redactar esta nova, na Tokyo de Vigo aínda había oportunidade de mercar algúns pases, a dirección da discoteca Pelícano da Coruña xa comunicara a venda do milleiro de billetes dispoñíbeis para esa noite entre a celebración e a proba científica.

De feito, este último local comunicaba que xa non había máis entradas tan só unha hora despois de anuncialas, quizais polos grupos que actuarán o día 12, quizais porque as ganas de saír se acumulan na comarca.

No caso da Tokyo, antes de mercar as entradas, xa se advirte de que "será obrigatoria para acceder ao evento PCR a cargo do Sergas, que se porá en contacto co usuario para a realización da mesma previa ao evento". Aliás, engade cuestións como o "dress code" ou "código de vestimenta" xunto á obriga de levar máscara, ou ao indicativo de que as e os asistentes teñen que ter máis de 21 anos.

Do resto dos locais incluídos no intento de desescalada do sector e a Xunta -Anagrama (Lugo); La Pomada (Pontevedra); Miudiño (Ourense) e un negocio de Compostela- non transcendeu ningunha información.

Porén, é só nos dous primeiros con licencia de discoteca, que terán un milleiro de clientes na noite sinalada, nos que será preciso pasar despois de ter unha proba diagnóstica negativa.

Todos os locais teñen a obriga de facer un rexistro de clientes e gardar estes datos un mínimo de tres meses para ter unha resposta rápida no caso dun contaxio. Tamén haberá sistemas para medir o CO2 e capacidades limitadas.

De feito, como xa sinalara o vicepresidente primeiro do Goberno galego, esta proba pode ou non dar pé á reactivación deste subsector da hostalaría. En todo caso, a desescalada sería “gradual, dinámica e reversíbel”.