Esculca pide a “actuación inmediata” da Defensoría del Pueblo nos presuntos maos tratos ao preso Antom Santos

Antom Santos

Dirixiuse ao Mecanismo de prevención de Tortura (MNPT) para que “exerza as súas competencias” e acuda á prisión de Dueñas para entrevistarse co preso independentista.

 

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca pide a “actuación inmediata” do Mecanismo nacional de prevención da Torutura (MNPT) da Defensoría del Pueblo en relación aos presuntos maos tratos sufridos polo preso independentista Antom Santos na prisión de Dueñas a mans de tres funcionarios.

Fernando Blanco, en nome de Esculca, argumenta no seu escrito que perante as novas recollidas en diferentes medios sobre presuntas agresións ao preso “que lle provocaron hematomas e equimose en varios pontos do corpo”, entende que a MNPT debe proceder.

Así, solicítalle que exerza as competencias que lle son conferidas polo Protocolo Facultativo da Convención Internacional para a Prevención da Tortura “e compareza por medio de comisionado no CP de Dueñas a fin de manter entrevista reservada co preso A.S. e proceda a incoar expediente a fin de prevenir situacións de tortura/tratos degradantes no penal”.