Esculca pide a abolición do isolamento nas prisións

Imaxe dunha prisión (Foto: Europa Press)

O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades  considera que é “un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura”.

Esculca pide acabar co réxime de confinamento solitario nas prisións do Estado español. A organización de defensa dos dereitos e liberdades considera que “o isolamento prisional implica un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura”.

Esculca elevará esta reclamación ás e os representantes políticos galegos dentro dunha campaña estatal de asociacións de dereitos humanos que, nun manifesto titulado ‘O cárcere dentro do cárcere’, denuncian que “o réxime de confinamento solitario é aplicado de maneira costumeira contra a lexislación que o regula, e sempre vulnerando os dereitos das persoas sobre as que se aplica segundo están recollidos nos tratados internacionais”.

O réxime de isolamento supón, entre outras cuestións, a limitación das saídas ao patio (entre 2 e 4 horas ao día, ou até 6 horas na Catalunya, que ten competencia en materia de execución penitenciaria), a limitación dos contactos con outras persoas presas, a limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, e restrición das comunicacións con persoas do exterior (limitación a dúas cartas semanais).

Na Galiza a poboación recluída en centros carcerarios supera as tres mil persoas –son 3.200, segundo o Informe 2019 do Mecanismo estatal de prevención da tortura (MNPT), que depende do Defensor del Pueblo–, o que supón un 5,4% das presas e presos no conxunto do Estado español (58.517 persoas).

Nas prisións do Estado prodúcense cada ano centos de casos de confinamento solitario, que afectan a presas e presos en réxime de primeiro grado (1.702 persoas, cos datos de 2019). Mais non hai datos públicos oficiais sobre as prácticas de isolamento ou confinamento solitario.

No ano 2004, a Oficina do Alta Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos publicou o Manual da capacitación en dereitos humanos para funcionarios de prisións no que establecía unha serie de principios básicos para o tratamento de reclusos. O principio 7 di así: “Tratarase de abolir ou restrinxir o uso do isolamento en celas de castigo como sanción disciplinaria e alentarase a súa abolición ou restrición”.

Malia as recomendacións internacionais, os relatores que visitaron diferentes centros carcerarios no Estado español, entre eles, dous na Galiza, para elaborar o último informe (2019) do MNPT advirten: “Durante as visitas efectuadas, seguiuse a constatar que o emprego de medios coercitivos é profuso. Efectivamente, o isolamento provisional, a forza física e as suxeicións mecánicas son bastante frecuentes na maioría dos centros”.