Esculca e outros 25 colectivos piden ao Congreso que os funcionarios de prisións non sexan axentes da autoridade

Piden á Cámara “dar marcha atrás” e non aprobar a emenda proposta dos grupos do Goberno español que prevé recoñecer os funcionarios de prisións a condición de axentes da autoridade.

Un total de 26 organizacións de diferentes partes do Estado, entre elas a galega Esculca-Observatorio pols Dereitos Civís, manifestaron esta terza feira a través dun comunicado  o seu “absoluto rexeitamento” á emenda formulada polo PSOE e Unidas Podemos á lei mordaza, que recoñece os funcionarios de prisións como axentes da autoridade”.

Estes colectivos informan que  rexistraron unha petición dirixida ás portavoces dos grupos parlamentares que compoñen a Comisión de Interior do Congreso, coa finalidade de “frear unha modificación lexislativa que implicaría unha nova regresión democrática”.

Segundo fontes das organizacións sociais, esta proposta “implica rachar co consenso establecido na Lei Xeral Penal aprobada no ano 1979”. Esa norma, tal e como sinalan os colectivos, “supuxo un salto democrático, xa que creou un corpo civil para a xestión dos centros prisionais, en contra do que acontecía no réxime franquista”.

Neste sentido, a emenda “abre as portas á policialización dos funcionarios de prisión”, xa que, de conformidade cos principios constitucionais, “os criterios que han guiar a súa actuación son de índole tratamental e non de réxime nin orde pública”.

En opinión dos colectivos, esta reforma constitúe “o abandono da paradigma rehabilitador que teoricamente debe guiar o funcionamento do sistema prisional”

En opinión dos colectivos, esta reforma constitúe “o abandono da paradigma rehabilitador que teoricamente debe guiar o funcionamento do sistema prisional”. No seu lugar, afirman, esta emenda implanta un modelo en que “as persoas privadas de liberdade poderán ser sancionadas por feitos leves tanto pola vía administrativa-penal, como tamén na vía penal, xerando un aumento dos casos en que se acuse e condene por atentado, resistencia ou desobediencia a axentes da autoridade”. Alén diso, acrecentan, esta reforma tamén suporá “un aumento das dificultades para denunciar situacións de malos tratos en contexto de privación de liberdade”.

Entenden que a presunción de veracidade dos funcionarios de cárcere, que pretende introducir a reforma, “actuará como un elemento disuasorio á hora de presentar denuncias e iniciar procedementos ante unha eventual contra-denuncia por parte dos funcionarios”. Así mesmo, sinalan, aumenta a marxe de arbitrariedade nos expedientes sancionadores, incluídos aqueles que afectan gravemente a dereitos fundamentais, como os isolamentos en cela.

As organizacións sociais poñen de manifesto o seu desconcerto respecto desta emenda, dado que esta proposta é presentada pouco tempo despois de publicar o Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa o seu relatorio após a súa última visita ao Estado español.