EDITADO POR ESCULCA

'Democracia envelenada', un relatorio sobre vulneracións de dereitos civís

O Observatorio recompila acontecementos ocorridos entre 2010 e 2014 mais advirte do seu carácter incompleto perante as "dificultades" para conseguir dados e información. 

 

Galiza é a terceira comunidade do Estado español, "excluíndo Madrid, da que non hai datos", con máis persoas expedientadas e multas impostas polo Goberno en protestas, segundo datos do Ministerio do Interior.

Só entre os meses de xaneiro (2012) e setembro (2013) foron abertos 110 expedientes sendo que as sancións económicas ascenderon a 35.100 euros, "unha cuarta parte do total" de todo o Estado español, sinala Esculca na introdución do seu informe. "Desde entón, a cifra non deixa de medrar", acrecentan, no que constitúe "só a punta do iceberg". 

Porén, Democracia envelenada non recolle só multas e sancións, senón tamén identificacións inxustificadas, vixianza coercitiva, limitacións do dereito á liberdade de expresión, información ou manifestación, abusos policiais e represión do exercicio de dereitos fundamentais, abusos motivados polo perfil da vítima ou a súa identidade nacional, política, de xénero... e mesmo aqueles relatos que parcialmente ficaron incompletos. 

Entre xaneiro (2012) e setembro (2013) foron abertos 110 expedientes e as sancións económicas ascenderon a 35.100 euros

Para recompilar toda a información o método empregado por Esculca baseouse na posta en contacto con grupos , organizacións, colectivos , sindicatos e outros movementos á fin de "reunir datos sobre obstáculos e restricións impostas ao seu labor polas forzas policiais e os seus mandos políticos,  nomeadamente por medio da aplicación do dereito administrativo sancionador e do dereito penal, alén de casos infelizmente subsistentes de agresións  físicas", explican. 

Aliás, servíronse dos relatos de persoas individuais atinxidas por "violencia policial ou medidas administrativas arbitrarias" para alén de información pública. 

"Actos policiais nidiamente arbitrarios"

"Moitas das actuacións consignadas no Relatorio como unha clara desviación de poder"

Malia o traballo desenvolvido, recoñecen que o documento fica "incompleto" o que supón unha "eiva" mais parten da base de que "quen ten a información detallada son os suxeitos pasivos da actuación coercitiva e non é posibel observar  directamente todos e cada un dos actos deste tipo que acontecen na Galiza". Así as cousas, con el quixeron "outorga o protagonismo aos colectivos e persoas  activos no Pais como suxeitos nun ecosistema represivo-inquisitivo", afirman, "que é o que debuxa o relatorio". 

Dos resultados deitados pola investigación "sorprende", din, "a existencia de numerosos actos policiais nidiamente arbitrarios, sen vínculo algún coa finalidade de prevención da delincuencia ou sanción de faltas, delitos  ou infraccións para a que o ordenamento xuridico confire aos corpos policiais esas facultades, agora sinaladas como disconformes a dereito". Neste senso, desde Esculca afirman que "se tivesemos que acudir a unha cualificación xuridica , non poderiamos menos que cualificar moitas das actuacións consignadas no Relatorio como unha clara desviación de poder" atinxindo "dereitos fundamentais, algúns deles cun teórico “corpus” de xurisprudencia constitucional tuitiva como o dereito de folga".