Esculca denuncia na Valedora "inactividade" administrativa na desaparición dun veciño de Vilasantar

Un veciño de Cezar (Vilasantar) leva desaparecido desde o 20 de xaneiro. A familia e o observatorio de dereitos e liberdades denuncian a falta de efectivos de búsqueda. 

 

O Observatorio de dereitos e liberdades, Esculca, presentou unha queixa perante a Valedora do pobo o 5 de febreiro no marco da desaparición dun veciño de Cezar (Vilasantar) o 20 de xaneiro de 2016. 

Segundo o relato de Esculca e da propia familia, a administración pública "non tomou medida acaída algunha" para localizar M.S.L. embora desaparecer do seu domicilio "sen outra roupa que a que veste nese momento, sen documentación e sen diñeiro" para alén de atoparse atinxido por unha "sintomatoloxía psíquica do tipo ideación delirante", de acordo cun diagnóstico médico provisorio. 

Neste senso, segundo a queixa presentada polo observatorio de dereitos civís, unicamente nos días posteriores á desparición tivo lugar a mobilización de axentes da Garda Civil da localidade mais sen se tratar "dunha busca sistemática xa que membros do instituto armado consideran que se trata dun fuxitivo" e "non dun desaparecido". 

Esculca cre que se está a vulnerar o dereito á vida e á integridade física ao non buscar o veciño de Vilasantar

Perante a "inactividade" administrativa "unha deputada do Parlamento fai xestión co director xeral de Emerxencias e o delegado do goberno" o que activa "o dispositivo de busca" durante "día e medio", após unha semana da desaparición. 

Desde aquel momento unicamente batidas formadas por familiares, amizades e veciñanza de M.S.L buscan o home. Desde Esculca entenden que "estes feitos determinan violación de dereitos consagrados no Título I da Constitución española de 1978", concretamente o artigo 15 referido á integridade física das persoas pois, "hai sen dúbida un evidente risco para a vida e integridade física de M.S.L., non só polas razóns normais do caso de calquera persoa desaparecida senón tamén en virtude da patoloxía que padece". 

Destarte, instan a Valedora do Pobo a incoar un expediente de queixa e que, "con carácter inmediato e cautelar, formule recomendacións ás administracións competentes para que activen un protocolo de busca semellante ao activado en casos análogos".