DEREITOS HUMANOS

Esculca denuncia máis unha vez "os maos tratos e a impunidade'' no cárcere de Teixeiro

Un funcionario público mallou até tres veces no mesmo día nun interno do penal de Curtis. Co 'Motín de Teixeiro' na cabeza, este novo caso vén sumarse a todos os denunciados polos internos desde 1999, un ano despois da entrada en funcionamento deste centro

O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades Esculca vén de denunciar unha nova agresión a unha persoa interna no cárcere de Teixeiro --Curtis-- por parte dun funcionario público, máis unha mostra "da impunidade da que gozan os maos tratos" no centro penitenciario galego pese ás reiteradas chamadas de atención das organizacións sociais.

Segundo o relato dos feitos, F.J.F.C. saíu da súa cela para ir ao patio, mais un funcionario 'convidouno' a voltar sobre os seus pasos. O interno fixo o propio. Ao ver como se abren as portas das dependencias colindantes preguntou por que el non pode saír, e explicáronlle que "el mesmo decidiu non ir ao patio". Resposdeu que para renunciar á saída debería telo feito mediante un escrito asinado, "cousa que non aconteceu en ningún momento".

"Tenme vostede até os collóns. Renunciou ao patio, quédalle claro? Se non lle queda claro vou e explícollo doutro modo" 

Perante a insistencia doutros internos, na liña de que, efectivamente, F.J.F.C. non manifestara a súa intención de non gozar da saída ao patio, o funcionario colleu o interfono e falou: "Tenme vostede até os collóns. Renunciou ao patio, quédalle claro? Se non lle queda claro vou e explícollo doutro modo". E, despois de que o interno preguntase polo seu dereito a facer unha chamada de teléfono ao día, tres funcionarios entraron na súa cela para 'explicarllo doutra maneira'.

De acordo coa denuncia de Esculca, obrigárono a espirse e propinárolle unha puñada na cara "que deixou unha marca visíbel aínda moitos días despois". O funcionario con quen se iniciara a disputa verbal "continuou mallando nel mentres outro dos presentes o suxeitaba por unha perna na que padece unha grave doenza que lle causa unha importante coxeira". Os presos das dependencias colindantes bateron as súas portas "e berraron que deixasen de maltratar a F.J.F.C." Entón o mesmo funcionario entrou noutra cela, a de G.W.M., e bateu nel "deitado no chan, até causarlle lesións en varias costelas e deixándolle marcas no corpo que tamén continúan visíbeis". Pasou xa unha semana.

A atención médica foilles negada, e a F.J.F.C. trasladárono a outra galería. A subdirectora de seguridade visitouno na compaña do xefe de servizo e da médica, mais as dúas últimas persoas "ficaron fóra". Tras o relato dos feitos, a médica apuntou que o recluso "está demasiado nervioso" e quixo pórlle unha inxección, mais el negouse. Porén, fíxolle tomar unha pílula para o corazón e outra do medicamento Serotel 100, "que tampouco quería inxerir, pois está a tratamento psiquiátrico". O preso ten aberto un parte por tres faltas moi graves e unha falta leve.

Os feitos denunciados polos internos de Teixeiro podería ser tipificados como delitos "de tortura, contra a integridade moral, rigor desnecesario e lesións"

O episodio aquí descrito vén sumarse ao relatorio de feitos que foron obxecto de denuncia por parte dos internos do penal galego, e que pola súa natureza, segundo informaron desde Esculca, poderían ser tipificados como delitos "de tortura, contra a integridade moral, rigor desnecesario e lesións", e que se remontan xa a 1999, tendo en conta que Teixeiro entrou en funcionamento un ano antes. Todos os casos aparecen recollidos nun informe e foron denunciados perante a Xustiza por organizacións sociais galegas --integradas na Comisión de Denuncia da Galiza-- e pol@s familiares dos reclusos. Na descrición destes acontecementos cítase un dos poucos capítulos polos cales a prensa se interesou: o coñecido como 'Motín de Teixeiro'.

Desde a Comisión de Denuncia da Galiza fíxose especial fincapé en explicar as causas daquela rebelión dos internos do penal de Curtis: o amoreamento das persoas en todas as prisións do País, mais "particularmente nos dous macrocárceres", en referencia a Teixeiro e A Lama; e as "vulneracións importantes" que a diario se producen dentro deses muros, "destacando a tortura e os maos tratos", así como "a carencia absoluta" de condicións sanitarias. Desde este colectivo social reclamaron daquela perante a fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza a apertura dunha investigación "para apreciar de primeira man os abusos practicados", tamén para sufocar a protesta contra a impunidade do funcionariado público.

O 'Motín de Teixeiro' aconteceu en xullo de 2006. A día de hoxe a investigación reclamada non chegou aínda. Tras a estrea do filme Cela 211, publicouse nun diario galego unha reportaxe en que os directores dos penais de Teixeiro e A Lama desmentían a denuncia que agromaba desa cinta, en especial no personaxe de Malamadre, ao que deu vida Luis Tosar. Segundo dixeron eles, nin as torturas nin o abandono reflicten a realidade dos penais na actualidade.