Os escravos galegos en Cuba

[Cedida] Enseño de Acaná nas proximidades de Matanza, Cuba.

A comezos do mes de marzo de 1854 desembarcaron no porto de La Habana os primeiros 314 emigrantes galegos trasladados a Cuba para substituír os escravos negros nas plantacións azucreiras. A operación, impulsada pola oligarquía crioula, apoiada pola Casa Real e dirixida por Urbano Feixó, rematou coa morte de centos de persoas desprazadas á illa ao longo dese ano. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza.

A progresiva substitución da man de obra escrava por emigrantes galegos responde á necesidade de aumentar os beneficios da burguesía española en Cuba e da propia Coroa. A configuración da illa como un dos primeiros centros mundiais de produción azucreira e cafeteira a comezos do século XIX só foi posíbel polo emprego masivo de escravos negros que viron empeorar as súas condicións de vida a medida que avanzaban na súa integración no mercado mundial capitalista. A importancia desta institución na economía española non escapa aos propios constituíntes de Cádiz, até o punto de que o representante cubano nas Cortes chegou a afirmar que “tanto para España como para Cuba a súa riqueza depende do sistema escravista”. Porén, a supresión da trata imposta en 1817 por Inglaterra ao Reino de España abriu un novo escenario.

Malia que a decisión non significou a desaparición da escravitude, nin o remate do comercio con carne humana, que nese momento pasa a ser encabezado por negreiros españois, as novas circunstancias facían máis rendíbel empregar man de obra asalariada que escrava. Así as cousas, tal como afirma Ascensión Cambrón, “o obxectivo primordial era económico: proporcionar man de obra fácil, barata e suficiente para suplir a carencia e carestía dos negros”.

Os emigrantes galegos resultaban máis económicos para o empresariado cubano que os escravos negros. Segundo os cálculos feitos polo propio Urbano Feixó, o prezo dun escravo negro situábase arredor de 600 pesos, representando a maiores un custo anual de 331,5 pesos, dos que 67,5 se correspondían con gastos de manutención, 144 con amortizacións e 120 con xuros.

Aliás, un negro libre significaba un investimento anual para o empresario de 279 pesos, salario mensual de 20 pesos, agás os 25 da temporada de zafra, e un real diario por manutención, implicando así unha redución de 54 pesos. Porén, a rebaixa era máis acusada no caso de contratar un galego, cuxo custo se situaría en 5 pesos ao mes, a cuarta parte dun xornaleiro negro, que cobraba arredor de 23,25 pesos, chegando a afirmar Feixó que “o galego proporcionaranos un proveito polo menos o duplo do que ofrece un escravo e incomparabelmente maior ao que pode agardarse dun negro xornaleiro nos tempos de hoxe”.

Urbano Feixó de Soutomaior era un empresario azucreiro con intereses na trata de escravos moi ligado por unha vella relación de amizade coa raíña Isabel II. Naceu en Viana do Bolo e foi irmán do militar Camilo Feixó, o oficial que impedira en 1841 o secuestro dunha Isabel II aínda nena, labrándose entre os dous unha forte relación que levaría a monarca a o visitar na súa casa natal e a lle outorgar diversos títulos nobiliarios.

Os contactos coa Coroa abriríalles aos Feixó a porta de importantes negocios, aparecendo Urbano Feixó en Cuba á volta da década dos corenta do século XIX dirixindo diferentes empresas no sector azucreiro e cafeteiro e sinalándose na altura como un dos principais introdutores de inmigrantes chineses, até o punto de significarse como o máis importante comprador e vendedor dos mesmos en xullo 1847. Após o seu retorno á península, ocuparía importantes responsabilidades políticas, como un escano no Congreso en diversas ocasións polos distritos de Ourense, Verín ou Matanzas nas filas liberais.

 

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]