“Escravizados polo Sergas”: concentración denuncia a “contratación fraudulenta” do Servizo Galego de Saúde

(CIG)

Mobilización no HUAC para esixir que se respecten as listas.

Traballadores e traballadoras eventuais da sanidade protagonizaron unha concentración nos arredores da rotonda de acceso ao Hospital da Coruña para denunciar a “contratación fraudulenta” no Sergas.

A protesta desenvolveuse nos arredores da rotonda de acceso ao Hospital da Coruña e nela participaron traballadoras e traballadores portando cartaces alusivos á contratación fraudulenta, denunciando a  elevada precariedade que sofren e na demanda de solucións.

CIG-Saúde informa a través dun comunicado que participou na concentración. O sindicato sinalou que “as profesionais do Sergas están nunhas listas de contratación por mérito, igualdade e capacidade, algo que a Feixoo non lle debe de parecer o suficientemente válido, xa que mantén o criterio de saltarse as normas para anunciar na prensa a renovación directa dos contratos que se iniciaron con esta pandemia”.

Critican que o presidente “vende” na prensa que con esta fórmula mantén contratado o mesmo persoal para Covid desde que comezou a pandemia, “mais a realidade é outra”. De feito, persoal con diferentes contratos cubriu tamén ocos para atender as pacientes da Covid, “xa que practicamente a totalidade do hospital sufriu os problemas da pandemia”.