Escrachos feministas contra a familia do PP: 'unha nai, un pai e os fillos que dea Deus'

Cartaz da acción reivindicativa

A acción está convocada na Coruña e Compostela para a segunda feira, 22, e reivindica o dereito de todas as mulleres a decidiren cando e como ser nais, "tamén das solteiras e lésbicas". Sanidade aprobará ao día seguinte un documento onde ambas as dúas fican fóra da reprodución asistida na pública


"Nós decidimos como e cando queremos ser nais. Tamén solteiras e lésbicas". É a resposta que o movemento feminista da Coruña e Compostela deu ao documento que a ministra de Sanidade, Ana Mato, pretende aprobar no Consello interterritorial e que veta o acceso gratuíto á reprodución asistida a mulleres que decidan ser nais en solitario, a mulleres lesbianas, a parellas que xa teñan crianzas agás no suposto de que padezan algunha enfermidade e a homes e mulleres que se tivesen sometido voluntariamente a unha esterilización (vasectomía ou ligadura de trompas).

Un día antes de que o documento saia adiante, as feministas das dúas cidades organizan un escracho diante da sede do PP na cidade herculina para denunciar máis unha vulneración do dereito das mulleres a decidir, que nesta fin de semana se veu completar con outras dúas de parte do ministerio de Xustiza: Gallardón importá a custodia compartida aínda en contra da vontade de nais e pais e aprobará a contrarreforma do aborto nos vindeiros tres meses.

'Unha nai, un pai e os fillos que lles dea Deus'

A acción está pensada para rexeitar o modelo de familia tradicional e heteropatriarcal que defende a dereita española, conformado por 'unha nai, un pai e os fillos que lles dea Deus', navegando en contra da sociedade que aceptou de maneira maioritaria leis como a do aborto de 2010 ou a que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. 

Cómpre sinalar que a titular de Sanidade, Ana Mato, traballa nun Plan integral de apoio á familia que requerirá do traballo conxunto entre distintos ministerios e cuxo informe foi encargado á ONG Acción Familiar. Con ampla traxectoria en investigacións destas características, é partidaria de derrogar a lei do matrimonio homosexual e pronunciouse en reiteradas ocasións contra o aborto. Na liña, a directora do estudo, María Teresa López, dixo que a interrupción voluntaria do embarazo é "un fracaso da sociedade". 

Hai máis. A encargada de levar adiante o Plan é Salomé Adroher, directora xeral de Servizos para a familia e a infancia. Defensora do matrimonio e contraria ao divorcio, é habitual de foros ultraconservadores como o Congreso mundial das familias.

Contra as políticas que se cocen en Madrid e que atacan o dereito de autodeterminación das mulleres sobre os seus corpos está convocado o escracho feminista na Coruña e Compostela. Serán na segunda feira 22, ás 20h, no nº6-8 da rúa Sánchez Bregua e no nº16 da rúa Alfredo Brañas, onde ten as súas sedes locais o Partido Popular.