Escracho en Vigo contra a banca reclamando a fin dos desafiuzamentos

Protesta diante do BBVA

Decenas de persoas secundaron a convocatoria da PAH concentrándose ás portas das sedes centrais do Banco Santander e do BBVA na cidade olívica. No acto participaron representantes da CIG, BNG, Galiza Nova e AGE.

“Si se pode!”. Esa foi a consigna que monopolizou, case en exclusiva a xeito de mantra,  o escracho convocado pola Plataforma de Afectadas/os polas Hipotecas (PAH) de Vigo diante das centrais do Banco Santander e máis do BBVA na cidade olívica. O berro, seguido enerxicamente polas decenas de persoas que se concentraron, quería expresar que as demandas que vertebran a ILP, que onte o a maioría absoluta do PP tombou na Comisión de Economía do Congreso, son “perfectamente posíbeis” para alén de “moi necesarias”.

O escracho tivo como obxecto ambas entidades financeiras por se negaren até o momento a designar un interlocutor estábel co que a PAH poida negociar as execucións hipotecarias da comarca. Neste senso, representantes da plataforma mantiveron breves xuntanzas con responsábeis de ambas entidades, das que lograron o compromiso de abordar a cuestión nos vindeiros días. A ese reclamo si accedeu in extremis o Banco Popular, que fóra sinalado como primeiro obxectivo da convocatoria.

Tamén houbo berros contra o Partido Popular (“isto nos pasa por un goberno facha”), mais tamén sinalando a responsabilidade do PSOE durante a súa etapa de goberno (“isto xa pasaba, con Rubalcaba!”), nunha mobilización que contou coa presenza de diversas organizacións políticas e sociais, como o 15M. Foron numerosos os representantes do BNG e de Galiza Nova presentes no mesmo, entre outros a deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Davila. Varios membros de AGE tamén participaron, encabezados pola súa deputada no Parlamento Galego, Consuelo Martínez. Aliás, a CIG amosou novamente o seu apoio á PAH a través da presenza de varios dos seus dirixentes, entre os que destacaba o seu secretario comarcal en Vigo, Serafín Otero, e máis o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Monteiro.