As escavacións na necrópole de Combarro, en Mondoñedo, sacan á luz un forno de posíbel orixe altomedieval

Documentación do forno recuperado no lugar de Combarro (Mondoñedo). (Foto: USC)

O asentamento era considerado, até o momento, unha necrópole

Os traballos arqueolóxicos desenvolvidos na primeira quincena de agosto na necrópole medieval do lugar de Combarro, situada na parroquia de Trigás, en Mondoñedo (A Mariña=, continúan producindo resultados de relevancia para a datación e catalogación do xacemento e o coñecemento da Galiza medieval.

En concreto, o equipo (liderado polo profesor José Carlos Sánchez Pardo da Universidade de Santiago de Compostela) localizou un forno de posíbel orixe altomedieval que, xunto a outras pezas cerámicas descubertas, apunta cara a un tipo de asentamento que vai máis aló do uso exclusivamente cementerial que se lle atribuía.

O forno está formado por unha estrutura de fondo refundido sobre a que se asenta unha estrutura pétrea que foi localizada parcialmente. Segundo o coordinador e director científico dos traballos os materiais recuperados no sector onde se localizou o forno "son de gran calidade".

A escavación arqueolóxica da até o de agora considerada unha necrópole está a achegar indicios dunha ocupación anterior á esperada ao comezo da investigación.

Traballos nunha das tumbas da necrópole de Combarro (Mondoñedo). (Foto: USC)

As tres sondaxes realizadas no terreo deron luz a restos de estruturas de asentamento que modifican a comprensión da tipoloxía do xacemento, dotándoo dunha maior complexidade, e permitiron atopar material cerámico que sinala a unha cronoloxía de comezos da Idade Media.

"Ademais da necrópole, da que xa se tiña constancia, esta intervención permitiu documentar un forno e un nivel de ocupación que podería estar a falar dun tipo de asentamento da cal non coñecemos a tipoloxía", indica Celtia Rodríguez, directora dos traballos en campo.

Concluídos os traballos de escavación, a investigación arqueolóxica proseguirá nos próximos meses nos laboratorios do Centro de Investigación Interuniversitaria das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac), do que tamén forma parte a USC.