Un escape de gas mobiliza os equipos de emerxencias en Vilamartín de Valdeorras

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
A fuga, nun depósito subterráneo, afectou unha urbanización na que tamén se atopa unha residencia de maiores.

A rotura dunha válvula dun depósito de gas subterráneo provocou unha fuga nunha urbanización situada no lugar de Valdegogos, na parroquia de Arcos, no municipio de Vilamartín de Valdeorras.

Segundo trasladou o 112 Galiza, sobre as 3 da madrugada deste sábado, unha persoa particular alertou á central de emerxencias deste escape de gas producido nun depósito subterráneo situado nunha urbanización de catro bloques.

Tras o aviso, a central de emerxencias mobilizou até o lugar aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, á Garda Civil e tamén a persoal da empresa subministradora do gas que abastece a zona. Ademais, por precaución, deron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galiza-061.

A veciñanza, alertada

A veciñanza dos inmóbeis da zona saíron das súas vivendas polos seus propios medios mentres os equipos de emerxencia realizaban as tarefas necesarias para restabelecer as condicións de seguridade da contorna.

Segundo destacou o 112, nas proximidades da urbanización sitúase unha residencia de anciáns que non se viu afectada, mais persoal e residentes foron instruídos polos equipos de intervención para que permanecesen no interior coas fiestras fechadas.

Os servizos de emerxencia desprazados até o lugar confirmaron a existencia da fuga de gas e procederon a cortar a subministración, así como a realizar as correspondentes medicións.

En canto os resultados deron negativo, finalizaron a súa intervención.