Escaladores entran en Reganosa para denunciar “o impacto do gas no medio ambiente e nas facturas”

(Foto: Greenpeace)

A acción correu a cargo de Greepenpeace. A organización ecoloxista, xunto con asociacións veciñais e ecoloxistas locais, súmase ao recurso contra a nova autorización da planta de Reganosa.

“O gas é caro e contamina”. Esa é a mensaxe que, a máis de 30 metros de altura, activistas de Greenpeace colocaron esta segunda feira nos depósitos da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos (comarca de Ferrolterra) para demandar o seu peche e pedir a Administracións e ás empresas enerxéticas un plan de abandono progresivo do gas. A organización ecoloxista denuncia a dependencia do gas, “causante da suba do prezo da enerxía e da emerxencia climática”.

O gas é un combustíbel fósil contaminante, explican, como o petróleo ou o carbón. “É un potente emisor de gases de efecto invernadoiro composto fundamentalmente por metano, un gas cun potencial de quecemento global 84 veces superior ao do CO2 aos 20 anos, e sen a súa eliminación paulatina non se poderá frear a emerxencia climática e a crise enerxética”.

“Viñemos a un dos lugares nos que se xera tanto a crise enerxética como a climática para dicir que o gas non é a solución a ningunha das dúas cousas”, manifestou Francisco del Pozo

“Viñemos a un dos lugares nos que se xera tanto a crise enerxética como a climática para dicir que o gas non é a solución a ningunha das dúas cousas”, manifestou Francisco del Pozo, responsábel da campaña para a eliminación dos combustíbeis fósiles en Greenpeace.

“Están a vendernos que o, mal chamado, “gas natural” é un combustíbel verde e de transición, mais en realidade é un destrutor do clima, que está a levar aos fogares a padecer altas tarifas de luz e calefacción”.

A organización ecoloxista considera que logo do “insuficiente acordo” da COP de Glasgow, cómpre máis ca nunca que “os Gobernos dean un paso á fronte. O Goberno español leva tempo presumindo de compromiso contra a crise climática, pero se non traballa nun plan para o abandono dos combustíbeis fósiles como o gas, estará a dar as costas ás recomendacións científicas para evitar os peores impactos contra o cambio climático e protexer así ás persoas”.

Outra consecuencia, engaden, é a suba da factura da luz e do gas: O incremento dos prezos da enerxía está causado “pola volatilidade do gas e a dependencia que temos doutros países e, só planificando o seu abandono, os gobernos poderán protexer ás persoas máis vulnerábeis afectadas pola crise enerxética.”

O combustíbel fósil que máis medra no mundo 

O gas é o combustíbel fósil que máis medra no mundo e mudou na segunda fonte de enerxía fósil en Europa. A organización ecoloxista considera imprescindíbel establecer un calendario para o abandono deste combustíbel, xunto co resto de enerxías sucias, e aumentar a proporción de enerxía renovábel no mix enerxético, contando coa participación da cidadanía. Greenpeace demanda "un sistema eléctrico 100% renovábel, libre de gas fósil, non máis tarde de 2030, e acadar o cero neto das emisións en 2040".

A planta de regasificación de Reganosa, con participación da Xunta, “é un dos puntos quentes da chamada crise do gas. Á escalada de prezos que están a vivir os fogares, súmase a actual emerxencia climática. Só en 2021, estímase que a planta de Mugardos vai ser responsábel de máis de 5 millóns de toneladas de emisións directas anuais de CO2 (as mesmas emisións que case 1,6 millóns de coches ao longo dun ano)”.

A protesta pacífica realizada por Greenpeace, conta co apoio de representantes do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, plataforma que, desde hai anos, agrupa numerosas entidades locais contra a presenza da regasificadora en Mugardos. “Durante máis de dúas décadas, e co beneplácito dos gobernos, Reganosa dedicouse a comprar vontades para lexitimar a súa presenza ilegal na nosa ría, agachando o impacto ambiental na mesma e contribuíndo á emerxencia climática“, declarou o Coordinador do Comité, Manuel Rodríguez Carballeira.