A mostra, que recibiu xa a visita de máis de 30 mil persoas, continúa aberta até 31 de outubro

Eros nos xardíns de Allariz 

Allariz acolle desde maio pasado a novena edición do seu Festival Internacional de Xardíns, que acumula xa máis de 33.000 visitas. A erótica é o tema principal deste ano, e un labirinto de sedas, cores e texturas enche os 20.000 metros cadrados á beira do río Arnoia. As instalacións artísticas dos 11 paisaxistas abren as cancelas para explorar doce parcelas que son, ao tempo, xardíns e refuxios de intimidade nos que o orgánico e os sentidos rozan os dedos. Para as máis atrasadas aínda fica tempo, a mostra pechará o 31 de outubro.

“Din que non falan as plantas nin as fontes, nin os paxaros“, escribe Rosalía de Castro, sabedora da falsidade da afirmación. En Allariz, a marxe do río Arnoia expresa de mil formas a sensualidade e o erotismo, eixo central da IX edición do Festival Internacional de Xardíns. As dez propostas paisaxísticas chegan da man de artistas do Brasil, Xapón, Noruega, Suecia, Portugal, Italia, Francia, Perú, Madrid, Granada e, como non, Galiza. Cabo delas está presente a gañadora do público no pasado ano —‘A lembranza esquecida’, do paisaxista italiano Antonio del Buono— e máis a contribución do alumnado do IES de Allariz que engaden o broche final a este ramo de arte ao aire libre.

 

“Presentáronse 47 proxectos desde todos sitios: Panamá, Xapón, Brasil, Austria… Menos de Oceanía, enviáronnos propostas de todos os continentes”, explica Cristina Cid, alcaldesa do concello alaricano, sobre un certame que, canda o seu homólogo en Ponte da Lima, é único na Península Ibérica. Este ano, alén do premio ao xardín máis votado, a edición contará cun novidoso premio profesional entregado pola Asociación Española de Paisaxismo. A quinta feira 13 de setembro, unha delegación da entidade paseou polos xardíns para decidir cal das propostas paisaxísticas condecorará cun diploma acreditativo.

 

Allariz ten fachenda do seu turismo verde —foi declarada reserva da biosfera pola UNESCO en 2005— e amósao nun recinto único ao que se pode acceder até o 31 de outubro por tan só 2 euros. As persoas empadroadas no concello, porén, contan con entrada gratuíta e acostuman exercer de anfitrioas ante as visitas, que xa baten as cifras da pasada edición ao ultrapasar as 33.000 persoas. “As veciñas e os veciños do noso concello teñen a Tarxeta Cidadá que lles permite acceder gratis a eventos, actuacións, museos… Visitan os xardíns non só na apertura, senón que repiten constantemente, da man de amizades e persoas coñecidas”, conta Cid. Até o de agora, Allariz computou máis de 14.000 euros en entradas ao recinto.

 

Alén do retorno económico que supón para a contorna, o Festival Internacional de Xardíns promociona a humanización e a calidade de vida a través do paisaxismo. “Outro dos obxectivos é que, ao marchar, as e os visitantes leven na cabeza as tendencias no sector, que está innovando e mudando cara á incorporación de estruturas, os xardíns pasan a ser case esculturas”, esténdese a rexedora. A iniciativa tamén axuda a visibilizar a importancia do sector da xardinaría na Galiza, que en zonas como o Baixo Miño ten un papel fundamental na súa economía. 

 

[A versión íntegra desta reportaxe —aquí oferecímosche un avanzo— aparece no Sermos313, disponíbel xa na nosa loxa e nos puntos de venda habituais]