Investigación

Descobren na Galiza un mineral inédito no mundo, a ermeloíta

A cor da ermeloíta aseméllase á branca. (Foto: USC)
O lugar da descuberta, o monte Ermelo de Bueu, dá nome a este mineral, o cuarto que se acha na Galiza ao longo da historia.

Persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de realizar unha importante descuberta no monte Ermelo de Bueu: a ermeloíta, un mineral bautizado co nome deste espazo natural inédito até o momento no mundo.

A ermeloíta foi recollida nun traballo de campo de José Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez e Manuel Cerviño, e as primeiras análises revelaron que non aparecía en base de datos ningunha a nivel internacional, segundo informan desde a USC. Agora a Asociación Internacional Mineralóxica (IMA, en inglés) recoñeceuna oficialmente.

"Na Galiza descubríronse, ao longo da historia, tres minerais: a morenosita, a cervantita e a bolivarita, todos eles achados na metade do século XIX", sinala o responsábel da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da universidade, Óscar Lantes Suárez.

Aínda non se pode determinar que posíbeis usos tería este mineral na industria ou a tecnoloxía

Esta descuberta, precisa, "ten repercusións históricas por ser tan poucos os minerais que se descubriron desde a Galiza e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no eido da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual no que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica".

O fragmento achado no monte Ermelo é pequeno, polo que resulta complicado determinar que usos industriais ou tecnolóxicos podería ter este novo mineral, que podería atoparse tamén noutras contornas naturais de características semellantes.

Composición química deste mineral. (Foto: USC)

A apariencia da ermeloíta, sinalan desde a USC, é "masiva, microgranular e de ton case branco", unhas condicións que fixeron que pasase desapercibida dentro das pegmatitas —rocha ígnea de cor clara, grans grosos e composta basicamente por feldespato e cuarzo— e que se confunda "facilmente" con plaxioclasas —feldespato composto de sodio e potasio— ou outros minerais de cores claras.

A Área de Infraestruturas e Investigación da universidade da capital galega está a desenvolver, xunto ao Museo de Historia Natural, unha investigación mineralóxica desde hai máis de 20 anos, que agora culmina con esta descuberta.