Augas da Galiza non dá prazos para a reversión dos saltos de Ponte Inferno, Güimil, Castellana e Fervenzas

Ponte Inferno [Imaxe: Rente do Chan]. Abaixo: María Gutiérrez e Francisco Casal na comisión parlamentaria esta cuarta.
Unha interpelación parlamentaria de En Marea urxe á Administración galega a avanzar na recuperación das minicentrais e centrais hidroeléctricas nas que van rematando as concesións.

Os expedientes de reversión das explotacións hidroeléctricas dos saltos de Ponte Inferno, no río Verdugo, de Güimil, no Lambre, da Castellana, no Mandeo, e de Fervenzas, no Vexo, están na fase de información de compatibilidade co plan hidrolóxico da bacía, segundo revelou na comisión de economía do Parlamento galego a directora de Augas da Galiza, María Gutiérrez López a unha pregunta do deputado Francisco Casal, do grupo mixto.

A directora de Augas da Galiza, que administra a demarcación Galiza Costa, non detallou os prazos nos que esa reversión se producirá, malia que as concesións caducaron hai anos: Fervenzas, no 2010; Güimil (2012), Castellana (2016) e Ponte Inferno (2017). Tampouco explicou se algunha das empresas concesionarias tiña presentado alegacións desde que se iniciaron os expedientes.

Despois de que durante a pasada lexislatura e a actual, o BNG instara á Xunta a contemplar a posibilidade de recuperar os aproveitamentos hidráulicos que van caducando, e dunha ILP presentada pola CIG, a interpelación de Francisco Casal serviu para poñer de manifesto a lentitude do procedemento. “A norma fixa en 18 meses o prazo para resolver, pero a realidade, non só na Galiza senón en todo o Estado, é que a tramitación leva entre tres e seis anos. Porén, os procedementos nos que as empresas concesionarias pretenden renovar si que se axilizan”, dixo o deputado, e puxo como exemplo das facilidades que atopan as eléctricas o caso dos Peares, “no que cunha simple ampliación de potencia de apenas dez megavatios, a concesión renovouse por 50 anos máis”.

As competencias de Augas da Galiza

Mais Os Peares non está xestionado por Augas de Galiza, senón pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), “e aí non ten competencias a Xunta”, explicou María Gutiérrez, “estamos no consello reitor, pero non temos competencias en virtude do principio de xestión por unidade de bacía, que no caso do Estado español vén do século XIX e foi confirmado pola normativa europea”. 

Gutiérrez relatou as tres opcións que contempla a lei cando se inicia un proceso de reversión: eliminar o obstáculo e restituír os terreos ocupados; conservar parte por interese patrimonial ou ambiental; e conservar a presa e continuar a explotación hidrolóxica. Esas tres posibilidades son as que se están a analizar nos catro casos que competen a Augas de Galiza. “É a fase máis delicada do procedemento. De aí sairá unha proposta para o futuro de cada aproveitamento. Imos caso por caso. Non pode haber unha pauta xeral. Do que se trata é de que a explotación reverta no interese público e lograr unha rendibilidade social, patrimonial ou ambiental”.

María Gutiérrez apuntou como exemplo a xestión dun aproveitamento en Caldas de Reis, que se construíu como obra pública, o concesionario paga un canon e parte reverte nos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña: case 400.000 euros a repartir entre os tres no ano 2018. 

Unha proposta de xestión: comunidades enerxéticas locais

Casal urxiu a Augas de Galiza a ir asumindo a xestión pública, ofreceu como unha das fórmulas posíbeis a explotación a través de comunidades enerxéticas locais, unha figura, dixo, “que noutras comunidades está a recibir financiamento público para se desenvolver”, e avisou de que a próxima gran concesión que caduca é a das Conchas, na Baixa Limia (pertence á CHMS). 

O deputado de En Marea rematou lembrando que o salto de Güimil fora “expropiado” á familia de José Miñones, empresario da Costa da Morte asasinado na Coruña despois do golpe do 36, en beneficio de Pedro Barrié de la Maza, antes de que o banqueiro constituíra Fenosa. A concesión dese salto, de 1929, chegou até 2012 en mans de Gas Natural, a antecedente de Naturgy.