Entrevista

Erik Barrio Lozano: "O VIH ten tratamento, o xuízo social non"

Erik Barrio Lozano. (Foto: Nós Diario)

Ás portas do 1 de decembro, Día Mundial da Sida, Nós Diario entrevista Erik Barrio Lozano (nado en Lugo en 1995), portador do VIH. Tratamos con el os estigmas que continúan presentes na sociedade, pondo o foco nos avances que quedan pendentes alcanzar para erradicar os prexuízos sobre as persoas con VIH.

—Como o afecta no seu día a día o VIH?
A día de hoxe o VIH non me limita. Teño a carga viral indetectábel grazas ao tratamento e iso significa que non transmito o virus. O único impacto real é tomar unha pastilla ao día, como quen ten a tensión alta ou outra condición crónica. O que máis afecta non é o virus, senón o estigma que aínda existe arredor del. E hai algo que moita xente descoñece, en moitos países somos ilegais simplemente por vivir con VIH. Países como os Emiratos Árabes Unidos ou Arabia Saudita poden denegarche a entrada ou expulsarte. A min iso paréceme profundamente inxusto, aínda que nunca deixei de viaxar a ningún lugar por ter VIH. O virus non me frea; o estigma, tampouco.

—Hai dúas cuestións principais que cambiaron con respecto aos anos 90 e finais dos 80. Por unha parte, déronse avances científicos e en dereitos fronte á marxinalización e, pola outra, incrementouse a concienciación da sociedade. Porén, o estigma social segue presente.
Vivimos nun momento histórico, o VIH é tratábel e non se transmite cando é indetectábel, pois indetectábel é igual a intransmisíbel. Porén, socialmente seguimos ancorados no pasado. Moita xente aínda asocia o VIH con culpa, promiscuidade ou morte. O estigma aparece nas relacións afectivas, no acceso ao traballo ou no silencio. Hai persoas que non teñen medo ao virus senón ás reaccións dos demais.

—A discriminación é o principal motivo que deteriora a calidade de vida das persoas que viven con VIH, sinalan as especialistas. 
Estou totalmente de acordo. O tratamento médico funciona moi ben, pero o que falta é un acompañamento real a nivel mental. Hai persoas que viven o diagnóstico como unha condena, e non debe ser así. O que enferma non é o virus, é o medo e o xuízo social. Eu son VIH positivo e tamén son celíaco e sinceramente, preferiría ter VIH mil veces máis antes que non poder comer gluten. O VIH está controlado e non me limita. A celiaquía, si. Todo cambia cando te aceptas e entendes que non é un problema. A aceptación é o mellor tratamento mental.

—Que avances ou que traballo queda por facer na sociedade para mellorar a perspectiva social do VIH?
As claves son educación sexual real e sen tabús, formación sanitaria e espazos seguros para falar sen medo. O VIH é unha condición crónica, non un xuízo moral. Se transmitimos isto, o estigma irá desaparecendo. Temos os medios médicos; agora necesitamos os humanos.

Creo que tamén é importante mellorar algúns aspectos do sistema sanitario. No Estado español, por exemplo, temos que recoller a medicación só na farmacia do hospital. Funciona ben, pero ás veces complica o día a día, especialmente se non tes o hospital perto ou se tes unha vida moi activa.

En moitos países de Europa pódese recoller o tratamento directamente nunha farmacia común coa tarxeta sanitaria, igual que ocorre con outras enfermidades crónicas.

—O pasado mes de agosto aprobouse a primeira vacina preventiva contra o VIH. Que significa isto para vostede?
Significa esperanza. É unha proba de que cando se inviste en ciencia, a ciencia responde. A min, persoalmente, pouco me vai cambiar porque xa estou indetectábel e vivo tranquilo. Pero vai evitar novos contaxios e cambiará a vida de moita xente no futuro. Esa é a verdadeira vitoria colectiva.

Os efectos do estigma nas persoas

"Eu non son o VIH, son simplemente Erik e moitas outras cousas: amigo, soñador, profesional, namorado da vida... O VIH non me define. De feito, moitas veces até me esquezo de que o teño, porque non me cambiou a vida para nada. Só é unha parte da miña historia e se a comparto é para que no futuro ninguén teña medo de vivir a súa. O virus non marca a miña vida nin decide quen son, iso fágoo simplemente eu", destaca Erik na entrevista. "O estigma existe", recoñece, "e afecta moitas persoas no ámbito afectivo, social ou mesmo médico". Por iso, considera fundamental "visibilizar, pór rostro ao VIH e introducir medidas na sociedade fronte  ao estigma, como a educación sexual e sen tabús ou campañas con persoas reais e non só con cifras". Pide tratar o VIH como é, saúde pública e non moral, así como promover o concepto de I=I, é dicir, que indetectábel é igual a intransmisíbel.